Mércores, 01 Marzo 2017 15:02

O Programa Galicia Rural Emprende impulsa con 2,5 millóns de euros os novos proxectos empresariais

A Consellería de Economía, Emprego e Industria activa hoxe a primeira convocatoria desta iniciativa para facilitar a creación de emprego mediante actividades industriais de autónomos, microempresas e pequenas empresas. Poderán recibir un adianto do 60% da axuda concedida logo da notificación da resolución e a acreditación do inicio do plan empresarial de negocio. A Xunta prevé apoiar, así, a posta en marcha de máis de 60 empresas cunha axuda que poderá acadar un máximo de 70.000 euros. Entre as actividades industriais prioritarias figuran as de sectores como automoción, téxtil, aeronáutico, químico, medioambiental, TIC ou audiovisual. O prazo para a presentación de solicitudes será de dous meses a partir de hoxe.

Santiago, 1 de marzo de 2017.-A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina 2,5 millóns de euros a promover o emprendemento no rural, apoiando a diversificación produtiva mediante actividades non agrícolas, ao abeiro do programa. Mediante a convocatoria publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, a Xunta de Galicia activa esta iniciativa para facilitar a creación de emprego mediante actividades industriais de autónomos, microempresas e pequenas empresas no ámbito rural.

Entre os beneficiarios do programa poden estar os agricultores ou membros da unidade familiar dunha explotación que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrarios, as pequenas empresas de nova creación ou que inicien actividades non levadas a cabo antes, e os autónomos en xeral.

Os investidores poderán recibir un adianto do 60% da axuda concedida logo da notificación da resolución e unha vez teñan acreditado o inicio do plan empresarial de negocio, que se desenvolverá en 18 meses. As axudas do programa Galicia Rural Emprende están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, prevé impulsar, deste xeito, o emprendemento e o emprego no medio rural galego, apoiando máis de 60 empresas cunha axuda mínima que será de 20.000 euros e poderá acadar un máximo de 70.000 euros. Entre as actividades industriais prioritarias figuran as de sectores como automoción, téxtil, aeronáutico, químico, medioambiental, TIC ou audiovisual, entre outros.

Ademais da dimensión da iniciativa, entre os criterios para avaliar a intensidade do apoio final figuran a creación de emprego adicional ao dos socios do proxecto e a localización da actividade nalgún dos máis de 200 concellos catalogados como de montaña ou con limitacións naturais. O prazo para a presentación de solicitudes será de dous meses a partir de hoxe e a resolución farase polo sistema de concorrencia competitiva.

O programa , activado agora, súmase ao amplo catálogo de servizos, ferramentas e instrumentos de apoio habilitados pola Xunta no marco da Lei do Emprendemento e que inclúe o Fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras, o programa Galicia Emprende, a Rede Galega de Investidoresparticulares ou a Rede Galega de Mentores.

Do mesmo xeito, a iniciativa enmárcase no Programa de formación e emprendemento no rural activado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria co obxectivo de fixar poboación nas zonas menos poboadas de Galicia e aumentar as oportunidades laborais dos seus habitantes.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios