Xoves, 09 Marzo 2017 15:19

A Xunta destaca os investimentos en tecnoloxías 4.0 como clave para acelerar a modernización da industria galega

O director do Igape, Juan Cividanes, participou na presentación da nova convocatoria dos premios e axudas activada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria neste ámbito. Esta iniciativa conta cun orzamento de catro millóns de euros e mobilizará 10 millóns mediante os investimentos de medio cento de empresas que poderán beneficiarse. Prevese apoiar seis novas iniciativas colectivas, catro delas centradas en avanzar na implantación da fábrica intelixente en sectores estratéxicos da economía galega. Como principal novidade da convocatoria vixente, impulsaranse ademais dous proxectos nos ámbitos específicos da fábrica virtual e a TIC industrial, avanzando en tecnoloxías como a intelixencia artificial, a internet das cousas ou o big data.

Santiago, 9 de marzo de 2017.- O director do Igape, Juan Cividanes, destacou hoxe os investimentos en tecnoloxías 4.0 como unha das claves para acelerar a modernización da industria galega. Cividanes participou está mañá en Santiago na xornada informativa sobre nova convocatoria dos premios e axudas activada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria neste ámbito.

A convocatoria da segunda edición do Concurso de Ideas Industria 4.0 está dotada con catro millóns de euros e prevé mobilizar 10 millóns mediante seis proxectos piloto nos que participarán arredor de medio cento de pequenas e medianas empresas galegas.O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o próximo 3 de maio, para facilitar a formación por parte dos clústers e asociacións empresariais de grupos ou alianzas de traballo conformadas por un mínimo de tres empresas.

Está previsto seleccionar, por unha parte, catro novos proxectos colectivos para implantar a fábrica intelixente en sectores estratéxicos da economía galega, que se sumarán aos da primeira edición, que están a ser desenvolvidos por Ceaga, no ámbito da automoción; o Clúster da Madeira; Clusaga, no eido da alimentación e Asime, no aeronáutico, e nos que están a participar un total de 38 pemes.

Como principal novidade desta segunda convocatoria, cofinanciada como a primeria con fondos Feder, impulsaranse ademais un proxecto temático no ámbito específico da fábrica virtual (simulación de procesos para optimizalos) e outro no eido da TIC industrial, avanzando en tecnoloxías como a intelixencia artificial, o seguimento do produto, internet das cousas e análise de negocio e os modelos preditivos utilizando datos masivos (big data).

A axuda máxima será dun millón de euros por cada un dos proxectos, incluíndo un premio de ata 25.000 euros para as entidades coordinadoras de cada unha das seis iniciativas seleccionadas. A selección dos proxectos corresponderá a un xurado integrado por representantes do Igape, da Axencia Galega de Innovación e expertos nacionais e internacionais de recoñecido prestixio.

As empresas que desexen impulsar un proxecto de investimento 4.0 e necesiten contactar cun organismo intermedio para presentalo á convocatoria aberta, poden facelo seguindo as instrucións publicadas na web do Igape. Do mesmo xeito, os organismos intermedios que queiran presentar solicitude ao abeiro desta liña poden dirixirse ao Instituto para publicar, na mesma páxina, as liñas xerais da iniciativa e para localizar, así, empresas que desexen sumarse.

Tal e como está a suceder cos proxectos apoiados na primeira edición, a Xunta agarda que as iniciativas seleccionadas teñan un importante efecto demostrador e de arrastre no ámbito da industria 4.0 para o conxunto do tecido empresarial galego, servindo como exemplos a seguir por outras empresas no desenvolvemento da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios