Xoves, 06 Abril 2017 14:32

A Xunta destaca o incremento das exportacións galegas a Asia e apunta a Hong Kong como porta de acceso

O director do Igape, Juan Cividanes, subliña que o ano pasado exportaron a este continente máis de 1.500 empresas galegas, un 12% máis. A través do programa Galicia Exporta e do de apoio á contratación de xestores de exportación, dotados con 8 millóns de euros, a Consellería de Economía, Emprego e Industria prevé apoiar este ano a internacionalización de máis de 500 pemes. O encontro contou con relatorios de expertos e directivos de empresas como Moonoff, Camper ou Trison Wolwide, que están a desenvolver relacións comerciais nesa área.

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2017.- O director do Igape, Juan Cividanes, sinalou esta mañá nunha xornada específica sobre Hong Kong como plataforma para impulsar as relacións comerciais cos países do sudeste de Asia, que ano pasado exportaron a ese continente máis de 1.500 empresas galegas, un 12% máis. As exportacións galegas a Asia superaron o ano pasado os 1.000 millóns de euros, case un 10% máis que no ano anterior. O esforzo das empresas, xunto co apoio continuado da Consellería de Economía, Emprego e Industria, levou a bater o récord exportador histórico ao superar os 20.000 millóns en 2016.

Tal e como subliñou Cividanes, a través dos programas Galicia Exporta Empresas e de apoio á contratación de xestores de exportación, dotados este ano con 8 millóns de euros, a Consellería de Economía, Emprego e Industria está en disposición de apoiar a internacionalización de máis de 500 empresas galegas.O desenvolvemento destes programas de axudas enmárcase dentro da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, impulsada pola Xunta co obxectivo de converter as exportacións nun motor de emprego e crecemento empresarial, e consolidando a recuperación económica. Tamén se facilita o acceso das empresas a mercados exteriores a través do Programa Foexga, coordinado polo Igape a desenvolvido a través das Cámaras de Comercio. O Foexga contempla a organización de corenta misións internacionais, con destinos que inclúen o sudeste de Asia, durante o presente semestre.

A xornada sobre Hong Kong como plataforma e porta de acceso das empresas aos países do sudeste asiático contou con relatorios de directivos de empresas como Moonoff, Camper ou Trison Wolwide, que están a desenvolver relacións comerciais nesa área xeográfica. Participaron igualmente expertos para informar sobre as oportunidades de negocio nesa área e sobre os marcos legais e fiscais aplicables. Hong Kong é unha plataforma privilexiada para facilitar as relacións empresariais cara a mercados de todo o sudeste asiático, especialmente os países integrados na ASEAN (Asociacións de Nacións do Sudeste Asiático): Malasia, Indonesia, Brunei, Vietnam, Camboya, Laos, Myanmar, Singapur, Tailandia e Filipinas, un mercado de máis de 500 millóns de habitantes con un potencial económico en crecemento.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios