Luns, 17 Abril 2017 13:42

A Xunta activa as axudas do programa Galicia Emprende con 5 millóns de euros para crear e desenvolver novas empresas

As solicitudes á primeira convocatoria poderán presentarse a partir de mañá e ata o próximo 20 de xuño, e haberá outras dúas convocatorias que se abrirán o 30 de xuño e o 10 de outubro respectivamente. O programa aumenta a súa dotación nun 35% e compleméntase coa primeira edición do Galicia Rural Emprende, dotado con 2,5 millóns, o que supón duplicar as axudas directas a proxectos de emprendemento con respecto ao pasado ano. Autónomos e emprendedores poden acceder a apoios de ata 175.000 euros para a posta en marcha ou consolidación temperá das súas iniciativas. Facilitarase a mobilización de investimentos por máis de 14 millóns de euros e a creación ou o mantemento de 500 empregos

 

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2017.- A Xunta acaba de activar, mediante a súa publicación hoxe no DOG, o programa Galicia Emprende, dotado con 5 millóns de euros, para apoiar a creación e a consolidación de novas empresas por emprendedores, autónomos e pemes. A presentación de solicitudes á primeira convocatoria estará aberta desde mañá, 18 de maio, ata o 20 de xuño, e como novidade este ano irá seguida doutras convocatorias sucesivas, a partir do 30 de xuño e do 10 de outubro, para facilitar a presentación de novos proxectos.

A Xunta incrementa este ano un 35% a dotación do Galicia Emprende, co que se prevé apoiar 160 novas empresas con axudas directas de ata 175.000 euros, impulsando así a posta en marcha ou consolidación temperá de compañías promovidas por autónomos e emprendedores, ao tempo que contribúe ao emprego de calidade. Deste xeito, prevese mobilizar 14 millóns de euros en investimentos, así como a creación ou mantemento de arredor 500 empregos.

O programa Galicia Emprende compleméntase coa primeira edición do Galicia Rural Emprende, especialmente deseñado para promover a diversificación e creación de novas empresas non agrícolas no ámbito rural. Este programa está dotado con 2,5 millóns de euros, e o prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o próximo 2 de maio. Así, a través de ambos programas, duplícase o orzamento das convocatorias de axudas directas do Igape para proxectos de emprendemento con respecto ao ano pasado.

Ao amparo do Galicia Emprende apoiaranse proxectos con investimentos comprendidos entre os 25.000 e os 500.000 euros, con axudas que poden alcanzar o 35% do investimento no caso das pequenas empresas e o 25% para medianas, priorizando en todo caso o emprendemento industrial. Como novidade, o programa, cofinanciado con fondos Feder, contempla tres convocatorias sucesivas ao longo do ano, facilitando así a presentación e execución dos proxectos de investimento para a posta en marcha ou consolidación temperá de empresas cunha antigüidade máxima de 42 meses.

A través do Galicia Emprende o ano pasado concedéronse apoios a un total de 81 proxectos empresariais, que supoñen investimentos por case 7 millóns de euros e a creación ou mantemento de 235 postos de traballo.

Os programas Galicia Emprende e Galicia Rural Emprende compleméntanse coas diferentes ferramentas de financiamento do programa Galicia 1000, entre as que se inclúen liñas de préstamos e microcréditos con xuros bonificados, así como o capital risco de Xesgalicia. Entre os instrumentos para impulsar o emprendemento cos que conta a Xunta atópanse tamén a Rede de Aceleradoras de Galicia, á que se levan destinado 12 millóns de euros e teñen permitido apoiar máis de 500 proxectos nos últimos catro anos, e na que se inclúen iniciativas como Vía Galicia, a Business Factory Auto ou os espazos coworking postos en marcha en colaboración coa Escuela de Organización Industrial (EOI), con nova convocatoria aberta á presentación de solicitudes ata o próximo 28 de abril.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios