Martes, 02 Mai 2017 15:29

A Xunta aposta por incrementar as relacións económicas con Lituania

O director do Igape, Juan Cividanes, e a embaixadora deste país báltico en España, Skaiste Aniuliene, participan nunha xornada específica sobre as oportunidades bilaterais de comercio e de investimento neste mercado ao que exportaron o ano pasado un cento de empresas galegas. As exportacións galegas a Lituania, que corresponden principalmente ao sector téxtil, medraron un 13% o pasado ano, ata sumar 36 millóns de euros. A través do programa Galicia Exporta e das axudas á contratación de xestores de exportación, dotados con 8 millóns de euros, a Consellería de Economía, Emprego e Industria prevé apoiar este ano a internacionalización de máis de 500 pemes

Santiago de Compostela,2 de maio de 2017O director do Igape, Juan Cividanes, amosou hoxe a vontade da Xunta de incrementar as relacións económicas con Lituania, logo de salientar que un cento de empresas galegas venderon ao país báltico o ano pasado, conseguindo que as exportacións se incrementasen nun 13%, ata os 36 millóns de euros.

Nunha xornada específica sobre oportunidades empresariais e de investimento en Lituania, na que participaron tamén a embaixadora de Lituania en España, Skaiste Aniuliene, e o cónsul honorario dese país en Galicia, Rafael José de Espona, Cividanes amosouse convencido de que as relacións comerciais bilaterais poden seguir medrando, e salientou que 42 das empresas galegas que exportan a ese mercado fixérono de xeito continuado durante os catro últimos anos.

Máis da metade das exportacións de Galicia a Lituania, máis de 21 millóns de euros, corresponden a produtos téxtiles, cunha penetración crecente durante os últimos anos. Tamén medraron no último trienio as exportacións de pescados conxelados, calzado e equipos de protección e seguridade laboral. Entre os artigos importados por Galicia (ata 14,6M€ en 2016) destacan os tecidos para confección, os mobles ou os envases e embalaxes.

A través do programa Galicia Exporta e do de apoio á contratación de xestores de exportación, dotados este ano con 8 millóns de euros, a Consellería de Economía, Emprego e Industria está en disposición de apoiar a internacionalización de máis de 500 pemes galegas. O esforzo das empresas, xunto co apoio continuado da Consellería de Economía, Emprego e Industria, levou a bater o récord exportador histórico ao superar os 20.000 millóns en 2016.

A Xunta de Galicia tamén facilita o acceso das empresas a mercados exteriores a través do Programa Foexga, coordinado polo Igape a desenvolvido a través das Cámaras de Comercio. O Foexga contempla a organización de corenta misións internacionais durante o presente semestre.

O desenvolvemento destes programas de axudas enmárcase dentro da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, impulsada pola Xunta co obxectivo de converter as exportacións nun motor de emprego e crecemento empresarial, e consolidando a recuperación económica. Así, o Igape é a fiestra única para acceder a servizos e axudas, tanto en orixe como en destino, adecuados á fase concreta de internacionalización de cada empresa, á marxe da súa dimensión ou do mercado que teña como obxectivo.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios