Venres, 12 Mai 2017 08:28

Xunta e Estado colaboran nun proxecto pioneiro que favorecerá a transformación dixital de 30 Pemes industriais galegas

O Igape e a Fundación EOI asinarán un acordo que permitirá ás compañías diagnosticar a súa situación actual e avanzar na súa dixitalización a través de asesoramento especializado. A Consellería de Economía, Emprego e Industria activa tamén a segunda convocatoria para formar traballadores no ámbito da Industria 4.0, da cal se beneficiarán arredor de 1.000 persoas. Dentro deste programa poderán desenvolverse plans formativos en eidos como robótica, big data, Internet das cousas, vehículos autónomos e loxística 4.0. O Goberno galego destina máis dun millón de euros a estas dúas iniciativas, enmarcadas na Axenda da Industria 4.0.

 

Santiago, 11 de maio de 2017.- A Xunta e o Ministerio de Economía, Industria e Competitividade impulsarán este ano a transformación dixital de 30 pemes industriais galegas que poderán diagnosticar a súa situación actual e aplicar un plan para avanzar na súa dixitalización contando con asesoramento especializado. Será mediante un convenio pioneiro en Galicia entre o Igape e a Fundación EOI, aprobado hoxe polo Consello da Xunta, para o desenvolvemento na Comunidade da Estratexia da Industria Conectada 4.0.

 Este acordo conta cun orzamento de máis de 300.000 euros e permitirá o desenvolvemento do programa Activa Industria 4.0, mediante o cal as empresas participantes, seleccionadas a través dunha convocatoria aberta, recibirán asesoramento especializado e individualizado co apoio de consultoras con experiencia na implantación de proxectos da Industria 4.0. Así, contarán cun informe de diagnóstico da súa situación actual en materia de dixitalización, e un plan de transformación que será obxecto de seguimento. O programa de asesoramento finalizará coa celebración de varios obradoiros demostrativos.

Ademais, todas as pemes industriais que o desexen poderán utilizar a aplicación da iniciativa HADA, unha ferramenta de autodiagnóstico dixital avanzado que lles permitirá coñecer o seu grao de madurez dixital. A información xerada pola ferramenta será obxecto de análise para efectos informativos e para orientar as futuras accións das administracións públicas no fomento da Industria 4.0.

Estas iniciativas veñen reforzar outros proxectos que está a impulsar a Xunta no marco da Axenda Galicia-Industria 4.0, como os servizos dos programas ReAcciona e ReAcciona TIC, que apoiaron a aplicación de máis de 1.500 servizos avanzados de mellora en máis de 800 empresas galegas.

Impulso á formación

Tamén no marco desta folla de ruta, hoxe informouse no Consello da Xunta da segunda convocatoria do programa formativo que desenvolve a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, para impulsar a Industria 4.0 entre traballadores e mandos intermedios de empresas galegas. Poderán beneficiarse desta iniciativa arredor de 1.000 persoas, que trasladarán os coñecementos que adquiran sobre fábrica intelixente ás súas empresas para que así gañen en competitividade.

Este programa de axudas á formación 4.0, que conta cun orzamento de 700.000 euros, diríxese a organismos intermedios, como clústers e centros tecnolóxicos, que organicen programas formativos en que participen persoas vinculadas profesionalmente cunha peme galega, como empregados, autónomos dependentes, empresarios autónomos, socios ou administradores. A iniciativa apoiará programas de formación en eidos como robótica, , Internet das cousas, vehículos autónomos, ciberseguridade, loxística 4.0 ou eficiencia enerxética.

A diferenza da primeira edición, na cal se cubría o 50% do custo da acción formativa con independencia do tamaño do organismo intermedio, nesta ocasión a porcentaxe da axuda sobe ata o 70% no caso de que o beneficiario cumpra as condicións de pequena empresa e o 60% nas medianas. As actuacións poderán desenvolverse durante 2017 e o primeiro semestre de 2018.

Ao abeiro da primeira convocatoria do programa de formación en Industria 4.0, estanse a desenvolver proxectos colectivos de formación promovidos por clústers e centros tecnolóxicos como Ceaga, Clusaga ou Anfaco, por organizacións empresariais como as confederacións de Ourense e Lugo, e por diferentes colexios profesionais.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios