Martes, 30 Mai 2017 12:58

A Xunta mobilizará ata 20 millóns de euros en financiamento para a industria galega mediante o programa de préstamos Igape-BEI

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a ampliación, ata finais de maio de 2018, do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta liña que permitiu aprobar préstamos por 6,5 millóns. Este programa forma parte do programa de financiamento Galicia 1000, que prevé apoiar a 3.000 empresas este ano.

Santiago, 30 de maio de 2017.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria facilitará, a través do Igape, o financiamento das empresas industriais galegas mobilizando ata 20 millóns de euros no próximo ano a través da liña de préstamos con fondos do Banco Europeo de Investimentos (BEI), que vén de ampliar o prazo para a presentación de solicitudes ata finais de maio de 2018, segundo recolle hoxe o Diario Oficial de Galicia.

A través deste programa, a Xunta apoia tanto investimentos de ampliación, renovación tecnolóxica ou modernización de instalacións industriais, como de circulante para que as empresas poidan reforzar as súas estruturas financeiras e avanzar nos seus procesos de crecemento ou internacionalización.

A través da liña fornecida con fondos do BEI, o Igape concedeu durante os últimos meses préstamos por importe de 6,5 millóns de euros, facilitando a realización de investimentos así como operacións de circulante a 17 compañías que empregan a preto de 800 traballadores.

O programa de préstamos BEI inclúe unha liña que regula a concesión de créditos para financiar, con prazos de amortización que poden alcanzar ata os 12 anos, ata o 50% dos proxectos de investimento desenvolvidos en Galicia, fundamentalmente os promovidos por pemes industriais e empresas do sector da automoción. O programa está habilitado para financiar ademais circulante, préstamos de ata 500.000 euros e con prazos de amortización de 2 a 5 anos, para reforzar as estruturas financeiras das pemes galegas para procurar que poidan medrar, mesmo cara a mercados exteriores.

O programa de préstamos BEI forma parte do plan de financiamento Galicia 1000, que prevé apoiar este ano a 3.000 empresas, e que se complementa coas axudas directas de programas como Galicia Emprende e Galicia Inviste para apoiar os investimentos empresariais. Tamén no ámbito do Galicia 1000, a Consellería de Economía, Emprego e Industria activará en datas próximas os microcréditos e préstamos bonificados para financiar investimentos e circulante para pemes, autónomos e emprendedores.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios