Martes, 30 Mai 2017 14:10

A Xunta salienta en Ourense o amplo catálogo de servizos e axudas para facilitar a posta en marcha de novas empresas

O director do Igape, Juan Cividanes, destaca en Ourense o programa Galicia Emprende, dotado con 5 millóns, como un dos instrumentos preparados para apoiar a creación de novas compañías e o desenvolvemento de empresas de recente creación. Subliña os servizos de formación, asesoramento e aceleración de proxectos adaptados ás diferentes fases e necesidades dos emprendedores.

Ourense, 30 de maio de 2017.- O director do Igape, Juan Cividanes, salientou hoxe nun coloquio organizado por AJE Ourense catálogo de servizos e axudas habilitado pola Xunta, ao abeiro da Lei do Emprendemento, para facilitar a posta en marcha, o crecemento e a consolidación de novas empresas. O director do Igape subliñou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria ofrece unha completa e diversa batería de instrumentos de apoio para atender as necesidades dos emprendedores, sexa cal sexa a fase de desenvolvemento dos proxectos ou das súas empresas.

Destacou, neste sentido, o programa Galicia Emprende, dotado este ano con 5 millóns de euros, como un dos instrumentos preparados para apoiar a creación de novas empresas e o desenvolvemento de compañías de recente creación. O programa Galicia Emprende regula a concesión de apoios de ata 175.000 euros para a posta en marcha ou a consolidación temperá de empresas impulsadas por autónomos e emprendedores, facilitando así a xeración de emprego.

As solicitudes ao abeiro da primeira convocatoria do programa Galicia Emprende poden presentarse ata o próximo 20 de xuño, e irá seguida doutras dúas convocatorias que se abrirán o 30 de xuño e o 10 de outubro, respectivamente, para facilitar a preparación e a presentación de proxectos. Este ano, a Xunta prevé apoiar deste xeito máis de 200 proxectos empresariais novos.

Cividanes recordou que a Xunta, a través de Xesgalicia, dispón igualmente de fondos de capital risco como o Galicia Iniciativas Emprendedoras ou o i2C, preparados para apoiar especialmente os proxectos innovadores dos novos emprendedores. Tamén citou a Rede de Business Angels, como instrumento de cofinanciamento privado, e a Rede Galega de Mentores como servizo importante para que os emprendedores poidan consolidar os seus proxectos contando coa experiencia altruísta de xestores expertos ou empresarios consolidados.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios