Xoves, 01 Xuño 2017 15:11

A Xunta mobilizará 44 millóns de euros en investimentos mediante a nova convocatoria do programa Galicia Inviste

A través desta iniciativa, que recolle hoxe o Diario Oficial de Galicia, prevense apoiar 150 proxectos, coa conseguinte creación e mantemento de emprego. As axudas poden cubrir ata o 35% de proxectos comprendidos entre os 50.000 e os 900.000 euros. As empresas beneficiarias poderán investir en maquinaria e bens de equipo para ampliar, modernizar ou diversificar a actividade produtiva, así como en obra civil.

 Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2017.-O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a nova convocatoria do programa Galicia Inviste, dotada con 6,3 millóns de euros en axudas directas que permitirá mobilizar investimentos dunhas 150 empresas por importe de 44 millóns de euros, impulsando así a creación de riqueza e emprego na comunidade.

Mediante este programa impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria concederanse apoios que poden cubrir ata o 35% dos investimentos comprendidos entre 50.000 e 900.000 euros na industria manufactureira ou extractiva, de xestión e valorización de residuos, loxística, hostalaría, sector TIC ou servizos técnicos. Co apoio desta nova convocatoria, as empresas poderán investir en maquinaria e bens de equipo para ampliar, modernizar ou diversificar a actividade produtiva, así como realizar investimentos en obra civil no caso de proxectos xeradores de emprego.

O proxectos con investimentos superiores a 900.000 euros reciben apoio a través do programa de Incentivos Rexionais do Ministerio de Facenda, que tamén se tramita en Galicia a través do Igape. Durante os últimos quince meses, prazo no que estivo aberta á presentación de solicitudes a anterior convocatoria do programa Galicia Inviste, aprobáronse a través destes dous programas complementarios 55 proxectos de grandes investimentos en Galicia que mobilizan máis de 30 millóns de euros en compañías que empregan a preto de 2.000 traballadores.

Estes programas de axudas directas compleméntanse co programa Galicia Emprende, para apoiar proxectos de autónomos, emprendedores ou Pemes de recente creación, e cos instrumentos de financiamento do Programa Galicia 1.000, que prevé apoiar a 3.000 empresas este ano.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios