Xoves, 08 Xuño 2017 13:49

A Xunta salienta en Vigo a colaboración co BEI para achegar ás empresas financiamento para investimentos e circulante

O director do Igape, Juan Cividanes, destaca na apertura da xornada “O Plan de investimentos para Europa” a ampliación de fondos e prazo de solicitudes do programa de préstamos directos con fondos BEI. A iniciativa prevé mobilizar 20 millóns de euros durante o próximo ano.

 

Vigo, 8 de xuño de 2017O director do Igape, Juan Cividanes, salientou hoxe en Vigo a colaboración da Xunta con entidades como o Banco Europeo de Investimentos e o ICO como exemplo do compromiso permanente da administración autonómica para achegar ás empresas galegas financiamento axeitado ás súas necesidades.

Durante a súa intervención na apertura da xornada , na que participaron representantes da Comisión Europea, do BEI e do ICO,Cividanes lembrou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria mantén abertas, a través do Igape, liñas de cooperación coas dúas entidades financeiras para facilitarlles ás empresas galegas o acceso ao financiamento, especialmente ás pemes.

Cividanes lembrou que a Xunta vén de acordar a ampliación de fondos e a prórroga do prazo de solicitudes ata finais de maio de 2018 para o programa de préstamos Igape-BEI, que prevé mobilizar ata 20 millóns de euros no próximo ano en financiamento de investimentos e circulante.

Mediante este instrumento financeiro integrado no programa Galicia 1000, a Xunta apoia tanto investimentos de ampliación, renovación tecnolóxica ou modernización de instalacións industriais, como financiamento de circulante para que as empresas do sector industrial ou exportadoras poidan reforzar as súas estruturas financeiras ou avanzar nos seus procesos de crecemento ou internacionalización.

A través da liña fornecida con fondos do BEI, o Igape concedeu durante os últimos meses préstamos por importe de 6,5 millóns de euros, facilitando a realización de investimentos –para ampliación ou modernización tecnolóxica de instalacións produtivas– así como operacións de circulante a 17 compañías dun amplo abano de sectores industriais que empregan a preto de 800 traballadores.

O programa de préstamos inclúe unha liña que regula a concesión de créditos para financiar, con prazos de amortización que poden alcanzar ata os 12 anos, ata o 50% dos proxectos de investimento desenvolvidos en Galicia, fundamentalmente os promovidos por pemes industriais e empresas do sector da automoción. O programa está habilitado para financiar ademais circulante, préstamos de ata 500.000 euros e con prazos de amortización de 2 a 5 anos, para reforzar as estruturas financeiras das pemes galegas para procurar que poidan medrar, mesmo cara a mercados exteriores.

A xornada técnica informativa, que se desenvolveu na Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía, acolleu relatorios sobre o Plan de investimentos que promove a Comisión Europea, sobre o Fondo Europeo para Investimentos Estratéxicos (EFSI) que coordina o BEI e sobre as achegas do ICO ao Plan de Investimentos para Europa.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios