Martes, 13 Xuño 2017 13:13

A Xunta e a EOI activan a segunda edición dos espazos coworking coa participación de 163 emprendedores en 124 proxectos

A próxima semana comezan as actividades de formación e asesoramento nas aceleradoras de Cabana de Bergantiños, Ferrol, Santiago, Mondoñedo, Monforte de Lemos e Celanova. A primeira edición desta iniciativa de colaboración pechou cun total de 139 participantes que desenvolveron 119 proxectos de carácter innovador que, na maioría dos casos, xa son empresas en funcionamento.

 

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2017.- Un total de 163 emprendedores que impulsan 124 novos proxectos empresariais comezarán a próxima semana as actividades de formación, asesoramento e titoría nos espazos coworking impulsados mediante a colaboración aberta entre a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, e a Escola de Organización Industrial (EOI).

Comeza a desenvolverse, deste xeito, a segunda convocatoria dos espazos coworking en espazos cedidos polos concellos ou pola propia Xunta en Cabana de Bergantiños, Ferrol, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Santiago de Compostela e Celanova. A nova aposta de Galicia polo emprendemento súmase á correspondente á primeira edición, que remataron 139 emprendedores con 119 proxectos que, na maioría dos casos, xa son empresas en funcionamento.

Entre os proxectos impulsados ata agora figuran iniciativas como Stardrones , que ofrece servizos tecnolóxicos por radiocontrol con drons; a Sociedade Coperativa Galega Terras da Mariña, centrada no envasado e comercialización da IXP Faba de Lourenzá; Alazia Couture, que se centra no deseño, fabricación e comercialización de pezas de moda con tecido ecolóxico; Work on Sunday, unha axencia especializada en xestión cultural; unha axencia de turismo online como Galiwonders; unha empresa de distribución de produtos agropecuarios ecolóxicos, Casa da Fonte; ou una iniciativa que oferta servizos integrais de asistencia para dependentes, Vitaser.

Como os emprendedores que participaron na primeira edición, os que participan na que comeza a semana próxima poderán recibir, durante os próximos cinco meses formación, titorías e asesoramento personalizado para a aceleración dos proxectos, así como facilidades para o acceso aos medios necesarios para desenvolver as súas ideas de negocio.

O obxectivo prioritario das iniciativas de é acelerar os procesos de maduración, implantación e desenvolvemento de proxectos empresariais, así como a creación de emprego sobre o territorio, incrementando a probabilidade de éxito das ideas impulsadas polos emprendedores e facilitando a súa posta en marcha e a súa consolidación temperá.

No marco desta nova actuación de aceleración de proxectos empresariais, desde a semana próxima e durante os vindeiros cinco meses haberá espazos de emprendemento novamente activos en Cabana de Bergantiños, Ferrol, Monforte, Mondoñedo, Celanova e Santiago. En cada unha destas sedes prevese que haxa outras dúas edicións durante o ano que vén.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios