Mércores, 12 Xullo 2017 11:47

A Xunta salienta o compromiso de Arce Clima coa mellora continua como clave do seu crecemento e internacionalización

O director do Igape, Juan Cividanes, visitou a compañía localizada en Alvedro que emprega a máis de 150 traballadores e obtén en mercados internacionais o 50% da súa facturación, cifrada en 40 millóns de euros. Arce Clima apoiouse no programa ReAcciona do Igape, que onte activou unha nova convocatoria, para avanzar na profesionalización da súa produción e optimizar a súa cadea loxística. A Consellería de Economía, Emprego e Industria inviste na nova edición do programa ReAcciona dous millóns de euros para desenvolver preto de 500 novos proxectos de mellora de xestión empresarial e plans estratéxicos de futuro nas empresas galegas. A presentación de solicitudes ao abeiro da nova convocatoria está aberta ata o 15 de setembro.

A Coruña, 11 de xullo de 2017.- O director do Igape, Juan Cividanes, salientou hoxe o compromiso da empresa Arce Clima coa mellora continua dos seus procesos como clave do seu crecemento e internacionalización. A compañía localizada en Alvedro, especializada en deseño, implantación e mantemento de todo tipo de instalacións electromecánicas, emprega a máis de 150 traballadores e consigue en mercados exteriores o 50% da súa facturación, cifrada en 40 millóns de euros.

Durante a súa visita ás instalacións de Arce Clima, Cividanes lembrou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de activar unha nova convocatoria do programa ReAcciona, ao que se acolleu a empresa localizada en Alvedro para avanzar na profesionalización da súa produción e optimizar a súa cadea loxística.

Arce Clima naceu en 1994 como empresa especializada na realización de instalacións de climatización pero, a medida que foi crecendo, ampliou o seu campo de actuacións a áreas relacionadas coas instalacións eléctricas, a xeotermia, a enerxía solar, o frío industrial ou a protección contra incendios. Na actualidade, a compañía está presente en 15 mercados internacionais, onde presta servizos integrais de deseño, implantación e mantemento nos seus ámbitos de actuación.

O director do Igape lembrou que a través do programa ReAcciona a Consellería de Economía, Emprego e Industria xa facilitou a implantación de 1400 proxectos de mellora en 850 empresas galegas que puideron desenvolver, deste xeito, accións de mellora en áreas concretas de xestión ou planificación, contando co apoio de expertos, para acceder a novos coñecementos, métodos e ferramentas axeitadas para mellorar a súa competitividade, para crecer e internacionalizarse.

A nova edición do programa, dotada con dous millóns de euros, permitirá desenvolver preto de 500 novos proxectos de mellora de xestión empresarial e a posta en marcha de plans estratéxicos de futuro nas empresas galegas ata 2018. A presentación de solicitudes ao amparo das bases reguladoras publicadas o pasado venres no Diario Oficial de Galicia, está aberta ata o 15 de setembro. A continuación activaranse novas convocatorias en novembro e decembro deste ano e en febreiro e maio de 2018.

O obxectivo fundamental do programa, cofinanciado ao 80% con fondos Feder, é apoiar ás pemes galegas nos procesos de profesionalización dos seus equipos directivos e nos plans de xestión e desenvolvemento estratéxico, para procurar que se consoliden, crezan e avancen en mercados internacionais. Co apoio do ReAcciona, as empresas poden escoller o seu itinerario de mellora personalizado, dacordo coas súas prioridades, apoiándose nun ou varios servizos que van desde un diagnóstico inicial ata a execución dos diversos plans operativos, pasando, se fose convinte, por unha análise estratéxica detallada que oriente o rumbo futuro da empresa.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios