Mércores, 20 Setembro 2017 15:00

Empresas participantes na Business Factory Auto amosan en Francia a innovación tecnolóxica da automoción galega

O director do Igape, Juan Cividanes, acompaña ás startups galegas Ingeniería y Control Merasys e Situm Technologies, seleccionadas por PSA para presentar no ‘Booster Day’ os seus proxectos. Nas próximas semanas coñeceranse as novas empresas que participarán na segunda edición da aceleradora impulsada pola Xunta coa Zona Franca, PSA e Ceaga co obxectivo de identificar, acelerar e consolidar proxectos innovadores especializados no eido da automoción.

Poissy (Francia), 20 de setembro de 2017.- O director do Igape, Juan Cividanes, acompañou hoxe a representantes das dúas galegas seleccionadas por PSA na Business Factory Auto entre as 20 mellores empresas innovadoras a nivel europeo. Ingeniería y Control Merasys e Situm Technologies presentaron hoxe as solucións innovadoras dos seus proxectos no que se desenvolveu no Armand Peugeot Forum en Poissy, Francia.

Os dous proxectos seleccionados por PSA en Galicia participaron na primeira edición da Business Factory Auto impulsada pola Xunta, o Consorcio Zona Franca de Vigo, o Grupo PSA e Ceaga co obxectivo de identificar, acelerar e consolidar proxectos innovadores especializados no eido da automoción e convertelos en empresas viables e con capacidade para atraer e reter talento en Galicia.

Representantes das organizacións impulsoras da BFA acompañaron aos emprendedores galegos na viaxe a Francia e visitaron, na área metropolitana de Lille as instalacións de EuraTechnologies, unha das aceleradoras tecnolóxicas máis importantes de Europa, que agrupa a centos de axentes do mundo da educación superior e da investigación no eido das TIC.

Os emprendedores galegos seleccionados na Business Factory Auto (BFA) tiveron oportunidade de coñecer a expertos e pasan a formar parte do ecosistema de innovación do grupo PSA. Ingeniería y Control Merasys integra unha tecnoloxía de sensórica avanzada para a detección de defectos e Situm Technologies, pola súa parte, impulsa unha innovadora plataforma de localización en interiores.

Nas próximas semanas coñeceranse as 20 novas empresas que participarán na segunda edición da Business Factory Auto, un máximo de 10 na fase de aceleración e outras 10 na fase de consolidación, que serán seleccionadas entre preto de corenta aspirantes. A BFA éunha aceleradora pioneira por concentrar a capacidade innovadora dun só sector, e por apoiar os proxectos desde as fases iniciais ata a súa consolidación, o que permitirá mobilizar 20 millóns de euros de investimentos públicos e privados ata 2020 para que a automoción galega sigan na vangarda.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios