Venres, 15 Decembro 2017 12:06

A Xunta salienta a aposta das empresas pola Industria 4.0 para mellorar a súa competitividade e internacionalización

O director do Igape, Juan Cividanes, destaca na tribuna organizada por Ageinco o compromiso da Xunta por avanzar neste ámbito mediante o desenvolvemento da Axenda-Industria 4.0. con accións que xa beneficiaron a 4.200 compañías. Indica que a Administración galega potencia a transformación da industria galega cara á extensión da fábrica intelixente e conectada. Sinala que os orzamentos do Igape soben nun 18% para 2018 e subliña a activación dos novos IFIs para apoiar investimentos no ámbito 4.0 e no emprendemento innovador.

Vigo, 14 de decembro de 2017.- O director do Igape, Juan Cividanes, destacou hoxe, durante a súa intervención na tribuna organizada pola Asociación Galega de Empresas de Enxeñería, Consultaría e Servizos Tecnolóxicos (AGEINCO), que é fundamental a aposta das pemes galegas pola Industria 4.0. como unha das claves para asegurar melloras na competitividade e manter os avances na internacionalización.

Neste sentido, Cividanes lembrou que a Xunta está sendo pioneira na divulgación e a promoción da Industria 4.0. mediante o desenvolvemento da Axenda-Industria 4.0, que ten como gran reto crear 50.000 novos empregos na industria ata 2020.

O director do Igape sinalou que no marco do primeiro plan bienal desta planificación impulsáronse accións que beneficiaron a 4.200 empresas e salientou que se destina un orzamento un 22% maior ao segundo plan, xa en marcha, co obxectivo de acelerar os investimentos no ámbito 4.0.

Cividanes adiantou tamén que, para o próximo ano, o Igape prevé dar un novo pulo á formación empresarial no ámbito tecnolóxico e aos investimentos en dixitalización empresarial como claves para acelerar a implantación da Industria 4.0 en Galicia. “Promoveremos a dixitalización para estender a máis empresas as vantaxes das novas tecnoloxías”, afirmou.

No mesmo encontro empresarial, Cividanes apuntou que o Igape dispón dun amplo abano de servizos e instrumentos de apoio para facilitar tanto a creación de novas empresas, como a consolidación das compañías existentes mediante servizos avanzados –como os do programa Reacciona­–, investimentos innovadores ou axudas para a internacionalización do tecido produtivo.

Logo de avanzar que o Igape contará o próximo ano cuns orzamentos expansivos, que medran en máis dun 18%, co obxectivo de afianzar o crecemento da economía e a xeración de emprego, Cividanes resaltou a posta en marcha dos instrumentos financeiros innovadores (IFIs), un novo programa que permitirá mobilizar 60 millóns de euros en máis dun cento de proxectos empresariais no ámbito da Industria 4.0 ou do emprendemento innovador.

O director do Igape participou na tribuna organizada pola Asociación Galega de Empresas Enxeñería, Consultaría e Servizos Tecnolóxicos (Ageinco), que agrupa a 23 compañías galegas con máis de 800 profesionais, un encontro que serviu para intercambiar impresións sobre as mellores fórmulas para acelerar o proceso de adaptación das empresas galegas á Industria 4.0.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios