Sábado, 16 Decembro 2017 13:23

A Xunta salienta a colaboración entre Galicia e Portugal para reforzar o crecemento económico e xerar emprego de calidade

O director do Igape, Juan Cividanes, participou hoxe en Viana do Castelo no II Encontro dos investidores da diáspora, onde destacou a firme aposta por atraer cara a Galicia, mediante instrumentos como a Lei de implantación empresarial, novos investimentos innovadores para xerar emprego de calidade. Cividanes subliña que Portugal é un dos principais socios comerciais da Comunidade galega, o segundo mercado tanto en importacións como en exportacións, só por detrás de Francia. Salienta a importancia da colaboración de todos os axentes potenciais, tanto institucionais como empresariais, dentro e fóra de Galicia, para xerar actividade económica e para incrementar as exportacións en mercados de todo o mundo.

 

 

Viana do Castelo (Portugal), 16 de decembro de 2017.- O director do Igape, Juan Cividanes, destacou hoxe, no II Encontro dos investidores da diáspora, que Galicia e Portugal deben colaborar, desde a complementariedade, para facerse mutuamente máis fortes potenciando sinerxías e sacando o mellor partido das respectivas fortalezas.

Despois de recoñecer o importante papel que está a desenvolver Portugal a favor da recuperación económica e a cohesión social, tamén desde a Comisión Europea onde ocupa cargos de relevancia, o director do Igape salientou a forte aposta da Xunta por favorecer a atracción de novos investimentos cara á Comunidade Autónoma, sendo a Lei de implantación empresarial un gran fito nesa dirección.

Cividanes destacou que Galicia dispón de modernas infraestruturas de transportes e comunicacións, amplas dotacións de solo industrial, centros tecnolóxicos punteiros e man de obra cualificada, con potencial para acoller investimentos innovadores e tecnolóxicos, novos proxectos empresariais xeradores de emprego de calidade, para consolidar saldos migratorios que están a ser positivos, especialmente entre os mozos de ata 34 anos.

Segundo sinalou, Portugal é para Galicia un dos principais socios comerciais, o segundo mercado tanto en importacións como en exportacións. Cividanes apuntou, ao respecto, que exportan a Portugal cerca de 1.300 empresas galegas, das que case 900 faino de xeito regular, e de forma continuada durante os últimos catro anos.

O director do Igape, ademais, durante a súa intervención, na mesa redonda que compartiu con representantes dos gobernos rexionais de Açores e Madeira, subliñou a importancia da colaboración de todos os axentes potenciais, tanto institucionais como empresariais, dentro e fóra de Galicia, para reforzar a actividade económica, xerar emprego de calidade e incrementar as exportacións cara a mercados exteriores.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios