Venres, 22 Decembro 2017 11:45

A Xunta activa o programa Galicia Exporta para apoiar a internacionalización de máis de 300 empresas

Mediante liñas específicas dotadas con 6,5 millóns de euros o Igape apoiará proxectos particulares de empresas ou proxectos colectivos coordinados por organismos intermedios empresariais. O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o próximo 21 de febreiro. Esta iniciativa, con axudas cofinanciadas con fondos Feder que cobren ata o 80% dos gastos, reforza a Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020 e a axenda estratéxica Horizonte 2020 da UE para facer das exportacións un motor de emprego e crecemento empresarial. As exportacións galegas medraron máis do 8 por cento no que vai de ano, logo do récord histórico acadado en 2016, ao superar os 20.000 millóns de euros.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2017.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsará con 6,5 millóns de euros a internacionalización das pemes galegas a través do programa Galicia Exporta. O prazo para a presentación de solicitudes está aberto ata o próximo 21 de febreiro. O obxectivo do programa é achegar apoio directo a máis de 300 empresas para facilitar o seu crecemento nos mercados exteriores.

Por medio de liñas específicas tanto para proxectos particulares de empresas como para proxectos colectivos coordinados por organismos intermedios empresariais, o Igape apoia tanto actividades de difusión, como a participación en eventos expositivos no exterior ou accións de prospección internacional. A finalidade é promover a internacionalización das empresas para que incrementen a súa presenza nos mercados exteriores, diversificando os sectores internacionalizados e ampliando o número de países aos que exportan.

Cofinanciadas a través dos fondos europeos Feder, as axudas cobren ata o 80% dos gastos subvencionables aprobados ao abeiro da liña Galicia Exporta Organismos Intermedios para proxectos colectivos, e o 70% no caso dos proxectos particulares acollidos á liña Galicia Exporta Empresas.

As bases reguladoras da nova edición do programa Galicia Exporta, publicadas onte no Diario Oficial de Galicia, veñen reforzar o desenvolvemento da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020 e a axenda estratéxica Horizonte 2020 da Unión Europea, que buscan facer das exportacións un motor de emprego e crecemento empresarial consolidando a recuperación económica.

Ao abeiro da anterior convocatoria do programa Galicia Exporta, tamén xestionado polo Igape, a Xunta concedeu axudas por importe de 5,35 millóns de euros para apoiar accións de internacionalización en mercados exteriores. No marco do Galicia Exporta Empresas aprobáronse máis de 4 millóns de euros en axudas para 175 proxectos, e a través do Galicia Exporta Organismos Intermedios, con axudas que alcanzaron os 1,32 millóns de euros, apoiouse a 23 organismos intermedios que organizaron máis de 150 accións colectivas nas que participaron 143 empresas.

A través do programa Galicia Exporta e de plans como o Foexga -que impulsa accións de internacionalización coa colaboración das Cámaras de Comercio-, a Xunta contribúe a manter a positiva evolución das exportacións galegas, que seguen medrando por riba do 8% nos dez primeiros meses deste ano, logo de marcar en 2016 un novo récord histórico ao superar por primeira vez os 20.000 millóns de euros.

De cara ao próximo ano, a Consellería de Economía, Emprego e Industria ten previsto activar un novo programa de internacionalización dixital destinado a autónomos, microempresas e pequenas empresas para potenciar a súa internacionalización a través de plataformas de comercio electrónico.

Deste xeito, a Xunta amosa o seu compromiso coas empresas galegas, promovendo a súa internacionalización e a dos seus produtos como medio para á dinamización da economía e á mellora da competitividade do tecido empresarial, favorecendo así a actividade económica e a creación de emprego de calidade.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios