Luns, 08 Xaneiro 2018 12:16

A Xunta organiza un ciclo formativo para afondar nas vantaxes dos servizos do programa ReAcciona

Os webinars do programa ReAcciona do Igape levaranse a cabo entre os días 9 de xaneiro e 6 de abril e poderanse seguir vía streamming. As xornadas formativas están especialmente dirixidas a persoal directivo e responsables de departamentos xestores en empresas de calquera sector. O programa ReAcciona apoia ás Pemes no desenvolvemento de proxectos de mellora en ámbitos de xestión como o financeiro, produción, comercial ou de deseño estratéxico. A nova convocatoria do ReAcciona abrirase á presentación de solicitudes dende o vindeiro 5 de febreiro.

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2018.- A Xunta, a través do Igape, organiza un ciclo de catro seminarios web onde se informará sobre os servizos ofertados polo programa ReAcciona, dando a coñecer as vantaxes de actuacións en ámbitos como o relanzamento comercial, a mellora da imaxe e da comunicación ou a optimización financeira, da man dos propios axentes que prestan os servizos.

Os seminarios celebraranse sempre en horario de 9:30 a 10:30, servirán para difundir as posibilidades e o potencial dos servizos ReAcciona e finalizarán cunha rolda de preguntas. O próximo martes, 9 de xaneiro, será o primeiro evento formativo, que se centrará nos servizos de profesionalización, temática que se tratará tamén o 9 de marzo. O 9 de febreiro e o 6 de abril, cando será o último, afondarase nos servizos de desenvolvemento estratéxico.

As xornadas están especialmente dirixidas a persoal directivo e responsables dos departamentos xestores en empresas de calquera sector de actividade (xerencia, compras, produción, finanzas etc.). Para asistir cómpre inscribirse no enderezo de correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou a través do teléfono 986 419 922 (ext. 2030).

Logo da boa acollida das convocatorias de servizos ReAcciona nos últimos meses de 2017, activaranse novas convocatorias en febreiro e maio deste ano. O novo prazo de solicitudes ábrese o vindeiro 5 de febreiro. Posteriormente, haberá unha nova convocatoria en abril.

O programa ReAcciona é un dos instrumentos cos que a Xunta está a traballar na mellora da competitividade do tecido empresarial ao abeiro da Axenda Galicia-Industria 4.0, coa que se prevé incrementar ata o 20% o peso da industria no PIB, impulsando a creación de 50.000 empregos na industria ata 2020. O programa, cofinanciado ao 80% con fondos Feder, apoia ás pemes galegas na profesionalización dos seus equipos directivos e nos plans de xestión e desenvolvemento estratéxico para o seu crecemento ou internacionalización.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios