Sábado, 03 Febreiro 2018 08:38

A Xunta activa accións formativas e de asesoramento para máis de 250 autónomos e emprendedores nas zonas afectadas polos lumes

No marco dun convenio de colaboración entre a Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Fundación Incyde o próximo luns comezan os dous primeiros cursos en Beade (Ourense) e Ponteareas (Pontevedra) con máis de sesenta inscritos en total e que se centrarán no asesoramento vinculado ao autoemprego e á consolidación empresarial. O obxectivo das 12 accións formativas, que se realizarán dentro desta iniciativa, é propiciar a sustentabilidade das actividades empresariais, para que os emprendedores e autónomos poidan levar a cabo os seus proxectos ou ben mellorar os negocios existentes nas zonas afectadas polos incendios.

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2018.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa, a través do Igape e en colaboración coa Fundación Instituto Cameral para a Creación e Desenvolvemento da Empresa (Incyde), doce accións formativas, de asesoramento para o autoemprego e a consolidación empresarial, así como de diagnóstico e plans de acción para pemes, que se desenvolverán ao longo deste ano. Con esta iniciativa, cofinanciada nun 80% polo Fondo Social Europeo (FSE), prevese achegar formación e asesoramento a máis de 250 autónomos, emprendedores e empresarios, preferentemente nas diferentes comarcas afectadas polos incendios rexistrados en Galicia o ano pasado.

Os dous primeiros cursos, que comezan o próximo luns, 5 de febreiro, en Beade (Ourense) e en Ponteareas (Pontevedra), xuntarán en total a máis de 60 alumnos, a maioría autónomos e emprendedores, que recibirán formación e titorías personalizadas para facilitar a posta en marcha ou o desenvolvemento de negocios ou empresas. O obxectivo desta iniciativa é acelerar a posta en marcha de proxectos empresariais e a creación de emprego sobre o territorio afectado pola vaga de lumes, incrementando as probabilidades de éxito das ideas impulsadas polos emprendedores e autónomos.

Coa formación en emprendemento e autoemprego, proporciónase unha visión global das distintas áreas funcionais da empresa e os alumnos poderán determinar oportunidades de mercado e desenvolvemento do plan de empresa, sempre coa axuda de ferramentas de xestión para favorecer a súa posta en marcha. Posteriormente, os ciclos formativos poderán achegar ás pemes a formación, as habilidades e os recursos necesarios para definir unha estratexia competitiva clara e completa e para promover a mellora das oportunidades de negocio.

Despois das accións formativas que comezan o luns, os participantes poderán seguir accedendo ao asesoramento especializado ou titoría que precisen a través do Igape, así como a axudas dos programas Galicia Rural Emprende e Galicia Emprende, ou a préstamos directos como os activados no novo programa de Instrumentos Financeiros Innovadores (IFIs), ou a través do fondo de capital risco Galicia Iniciativas Emprendedoras para financiar os seus investimentos.

Coa segunda convocatoria do programa Galicia Rural Emprende que vén de activarse, búscase precisamente promover actividades empresariais non agrarias de autónomos, microempresas e pequenas empresas. Con este programa a Xunta destina 4,5 millóns de euros para apoiar 80 novos proxectos empresariais, e a creación e mantemento duns 220 empregos mediante a mobilización de 9 millóns de euros en investimentos empresariais. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 26 de marzo.

 

No marco dun convenio de colaboración entre a Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Fundación Incyde o próximo luns comezan os dous primeiros cursos en Beade (Ourense) e Ponteareas (Pontevedra) con máis de sesenta inscritos en total e que se centrarán no asesoramento vinculado ao autoemprego e á consolidación empresarial. O obxectivo das 12 accións formativas, que se realizarán dentro desta iniciativa, é propiciar a sustentabilidade das actividades empresariais, para que os emprendedores e autónomos poidan levar a cabo os seus proxectos ou ben mellorar os negocios existentes nas zonas afectadas polos incendios.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios