Venres, 02 Marzo 2018 14:58

A Xunta salienta que o investimento en dixitalización, formación e industria 4.0 acelerará a transformación do tecido produtivo

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, e o director do Igape, Juan Cividanes, participaron hoxe en Ferrol na mesa de apertura da xornada Plans de apoio á Industria 4.0. Marnotes expuxo os programas cos que conta o Goberno galego para adaptar a cualificación dos traballadores ás necesidades reais do tecido produtivo galego.Cividanes destacou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria achega cualificación especializada, asesoramento á medida e axudas e préstamos para acelerar a modernización das pemes no ámbito 4.0. Salienta a activación de obradoiros e axudas á dixitalización empresarial e anuncia unha nova convocatoria de apoios a investimentos 4.0, unha liña á que xa se acolleron 75 empresas e organismos intermedios dos sectores estratéxicos.

Ferrol, 2 de marzo de 2018.- O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, e o director do Igape, Juan Cividanes, participaron hoxe en Ferrol na mesa de apertura da xornada , na que destacaron que o investimento en dixitalización, Industria 4.0 e formación é a base para asentar a transformación do tecido produtivo.

Marnotes, dunha banda, sinalou que a Xunta traballa, a través da Axenda 20, para adecuar a cualificación dos traballadores galegos ás demandas do tecido empresarial. Así, detallou que esta planificación, en liña coa Axenda Industria 4.0, inclúe diferentes modalidades de formación á carta como é o programa de axudas destinado a máis de 23.000 traballadores galegos e autónomos de sectores estratéxicos e emerxentes da economía galega. Trátase dunha iniciativa de formación para ocupados que conta con 13 millóns de euros para o desenvolvemento de preto de 1500 cursos, unha formación que se imparte en centros e entidades formativas ao longo de todo este ano.

Outra das modalidades que están en activo na actualidade son as Unidades Formativas na Empresa, tanto para desempregados como ocupados. As primeiras convocatorias destes programas xa saíron publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG). En global, para estas dúas iniciativas destínanse 6,35 millóns en 2018, a través dos que se cualifica a desempregados con formación á carta na propia empresa, que ten que comprometerse a un mínimo de contratación; e a traballadores de empresas de sectores estratéxicos entre os que se atopa o naval.

Para as unidades dirixidas para desempregados, o prazo de solicitude está aberto ata o 5 de abril e para a iniciativa de ocupados para formar a 1500 traballadores en 500 empresas de sectores estratéxicos rematará o 2 de abril. A estes programas súmase a oferta formativa que a Xunta apoia para persoas desempregadas en centros de formación.

Tamén referido ao ámbito da cualificación, o director do Igape avanzou que en próximas datas resolverase a última convocatoria de axudas para facilitar a cualificación de arredor de 800 técnicos e directivos de pemes galegas en tecnoloxías e metodoloxías da Industria 4.0. Sinalou que, ademais, o Igape financia este ano obradoiros de dixitalización chamados a ser espazos de encontro para a activación de ferramentas dixitais colaborativas sectoriais ou de hibridación intersectorial. Cividanes destacou, neste eido, que o Igape mantén aberta ­–ata o próximo 15 de marzo– a primeira convocatoria de axudas á dixitalización, dotadas con 5 millóns de euros, e coas que se prevé facilitar a posta en marcha de sistemas informáticos que acheguen valor ás empresas, mediante proxectos colectivos e individuais en eidos como a intelixencia artificial ou a conectividade.

Así mesmo, salientou no ámbito da Industria 4.0 que as empresas galegas poden acceder a xornadas de difusión –a miúdo organizadas en colaboración con Clústers ou centros tecnolóxicos–, a cursos específicos de formación, a servizos de asesoramento –mediante programas como o ReAcciona TIC­– ou a axudas directas ou préstamos.

Cividanes apuntou que na actualidade son xa 75 as empresas e organismos intermedios que desenvolveron ou están a realizar investimentos 4.0 que mobilizan máis de 15 millóns de euros en sectores estratéxicos da industria galega como son os da automoción, o aeronáutico, o do metal, o agroalimentario ou o da madeira.

Para reforzar os investimentos no ámbito 4.0, a Consellería de Economía, Emprego e Industria activou o novo programa de Instrumentos Financeiros Innovadores (IFIs), que conta cunha dotación inicial de 33 millóns de euros –cofinanciada ao 80% polo Feder– e que permitirá apoiar este ano arredor de 100 proxectos de investimento nos eidos da Industria 4.0, o emprendemento e a innovación. O programa contribuirá, así, ao desenvolvemento da Axenda Industria 4.0 e ao fortalecemento do tecido empresarial galego, en especial das pemes.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios