Martes, 06 Marzo 2018 13:30

A Xunta salienta a importancia da formación como chave para consolidar avances na Industria 4.0

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, e o director do Igape, Juan Cividanes, presentaron hoxe no Comité Executivo de Política Industrial celebrado en Santiago os programas formativos de asesoramento e investimento activados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. Marnotes explicou os plans que se están desenvolvendo para adecuar a cualificación dos traballadores e desempregados ás necesidades reais do tecido produtivo galego. Cividanes destacou que o Igape facilita formación especializada, asesoramento á medida e axudas e préstamos para acelerar a modernización das pemes no ámbito da industria 4.0.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2018.- O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, e o director do Igape, Juan Cividanes, salientaron hoxe no Comité Executivo de Política Industrial, celebrado en Santiago, a importancia da formación especializada como unha das chaves necesarias para consolidar e acelerar os avances na competitividade do tecido produtivo a través da implantación da Industria 4.0 en Galicia. Á xuntanza asistiu tamén o director xeral de Enerxía e Minas, Angel Bernardo Tahoces.

Marnotes indicou que a Xunta, a través do desenvolvemento da Axenda 20, a folla de ruta do Goberno galego en materia laboral, busca axeitar a cualificación dos traballadores galegos ás novas necesidades das empresas. En sintonía coa Axenda Industria 4.0, a planificación prevé diferentes posibilidades de formación á carta como, por exemplo, o programa de axudas para formar a máis de 23.000 autónomos e traballadores galegos de sectores estratéxicos e emerxentes da economía de Galicia. Segundo destacou, é unha iniciativa de formación para ocupados dotada con 13 millóns de euros para desenvolver ao longo deste ano en centros e entidades formativas preto de 1.500 cursos.

As Unidades Formativas na Empresa, tanto para desempregados como ocupados, constitúen outra das modalidades de formación activadas na actualidade. As primeiras convocatorias destes programas xa saíron publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG). En conxunto, destínanse 6,35 millóns en 2018 para estas dúas iniciativas, a través das que se cualifica tanto a desempregados con formación á medida na propia empresa –que ten que comprometerse a un mínimo de contratación– como a traballadores de empresas de sectores estratéxicos, entre os que cabe salientar o naval. Para este ámbito, a Xunta conta cun programa específico de formación que tamén se avaliou no Comité Executivo de Política Industrial.

Marnotes destacou que, para as unidades dirixidas a desempregados, o prazo de solicitude está activado ata o día 5 do próximo mes de abril, mentres que para a iniciativa destinada a ocupados para formar a 1.500 traballadores en 500 empresas de sectores estratéxicos rematará o 2 de abril. A estes programas súmase a oferta formativa que a Xunta apoia para persoas desempregadas en centros de formación.

Tamén no eido formativo, o director do Igape, Juan Cividanes avanzou a próxima resolución da última convocatoria de axudas para facilitar a cualificación en tecnoloxías e metodoloxías da Industria 4.0 de arredor de 800 técnicos e directivos de pemes galegas. Sinalou que, ademais, o Igape financia este ano obradoiros de dixitalización destinados a servir como espazos de encontro para a activación de ferramentas dixitais colaborativas sectoriais ou de hibridación intersectorial.

Tamén neste ámbito, o Igape mantén aberta ­–ata o próximo 15 de marzo– a primeira convocatoria de axudas á dixitalización, dotadas con 5 millóns de euros, e coas que se prevé facilitar a posta en marcha de sistemas informáticos que acheguen valor ás empresas, mediante proxectos colectivos e individuais baseados en tecnoloxías como a intelixencia artificial ou a conectividade.

Na mesma liña de promoción da Industria 4.0, as empresas galegas poden acceder a xornadas de difusión –a miúdo organizadas en colaboración con clusters ou centros tecnolóxicos–, a servizos de asesoramento –mediante programas como o ReAcciona TIC­– ou a axudas directas ou préstamos. Na actualidade son xa 75 as empresas e organismos intermedios que desenvolveron ou están a realizar investimentos 4.0 que mobilizan máis de 15 millóns de euros en sectores estratéxicos da industria galega como son os da automoción, o aeronáutico, o do metal, o naval, o da madeira ou o agroalimentario.

Para impulsar novos investimentos no ámbito 4.0, a Consellería de Economía, Emprego e Industria activou tamén o novo programa de Instrumentos Financeiros Innovadores (IFIs), que conta cunha dotación inicial de 33 millóns de euros –cofinanciada ao 80% polo Feder– e que permitirá apoiar este ano arredor de 100 proxectos de investimento nos ámbitos da Industria 4.0, o emprendemento e a innovación.

Na reunión do comité executivo de política industrial, onde –ademais da Xunta– están representados o Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais, as centrais sindicais, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), ás cámaras de comercio e as universidades, tamén se abordou a necesidade de xerar en Galicia capacidades de produción de novos sistemas máquinas e equipos para a Industria 4.0.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios