Luns, 09 Abril 2018 11:57

A Xunta mantén activas convocatorias do programa Reacciona para facilitar a mellora da competitividade das empresas

Ata o 19 de abril está aberto o prazo para a vixente oferta do ReAcciona TIC, mentres que as Pemes interesadas poden solicitar servizos do ReAcciona ata o 25 de maio. A Xunta vén de conceder 430.000 euros para apoiar a implantación de 107 novos proxectos de mellora en Pemes galegas, no marco deste programa.

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2018.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, mantén activadas convocatorias do programas ReAcciona e ReAcciona TIC para apoiar ás Pemes na implantación de proxectos de mellora da súa xestión ou de incremento da súa competitividade.

Así, as Pemes que busquen mellorar a súa competitividade mediante as solucións que aportan as TIC e a industria 4.0, dispoñen de prazo ata o 19 de abril para acollerse ás axudas da actual convocatoria do ReAcciona TIC. Os servizos deste programa inclúen a diagnose das necesidades de cada empresa para a implantación das tecnoloxías 4.0, o acompañamento e apoio na posta en marcha de proxectos industriais 4.0, ou a exploración de novas oportunidades de negocio vinculadas a esta industria, así como a xeración de modelos e simulacións industriais para optimizar os procesos de produción.

Por outra banda, tamén está aberta a convocatoria das axudas no marco do programa ReAcciona, para aquelas empresas interesadas en incrementar o seu potencial competitivo e o grao de profesionalización dos seus equipos directivos, así como no desenvolvemento de deseños estratéxicos propios. Neste caso, o prazo de presentación de solicitudes péchase o 25 de maio.

Ao abeiro do programa ReAcciona, o Igape vén de resolver (DOG do 4 de abril) a concesión de axudas por valor de 430.000 euros para apoiar a implantación de 107 novos proxectos de mellora que abordan, entre outros aspectos, a optimización da xestión financeira, a modernización da produción e a cadea loxística, o relanzamento comercial ou a mellora da imaxe e a comunicación empresarial.

A través destes programas, cofinanciados ao 80% con fondos Feder, a Xunta confirma o compromiso co desenvolvemento da capacidade competitiva e de internacionalización das Pemes galegas.Os apoios facilitados no pasado ano 2017 acadaron os 2,3 millóns de euros e impulsaron máis de 500 proxectos de optimización da xestión empresarial.

A mellora do posicionamento nos mercados das empresas galegas mediante as TIC é un dos obxectivos da Axenda Industria 4.0, que está a impulsar a Xunta de Galicia e que incorpora 60 medidas de innovación tecnolóxica, formación e financiamento, das que se beneficiaron 4.200 empresas nos últimos anos. O vixente plan bianuall da Axenda, a desenvolver entre 2017 e 2018, está dotado con 175 millóns de euros.  

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios