Venres, 20 Abril 2018 13:52

A Xunta achega ás empresas galegas as oportunidades de mellora da competitividade coa incorporación das tecnoloxías 4.0

Os documentos sectoriais e por tecnoloxías do estudo “Oportunidades Industria 4.0 en Galicia”, promovido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e elaborado en colaboración con ATIGA, están xa a disposición das empresas na web do Igape. Neles móstranse as vías de mellora da competitividade das Pemes galegas a través da incorporación das tecnoloxías emerxentes.

 

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2018.- A Xunta vén de publicar na páxina web do Igape os resultados do estudo “Oportunidades Industria 4.0 en Galicia”, unha análise detallada das necesidades e do potencial de mellora asociado á incorporación de tecnoloxías 4.0 no tecido empresarial galego. O estudo, promovido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, foi elaborado polo Igape en colaboración coa Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (Atiga) e os seus centros tecnolóxicos.

O traballo analiza, por sectores produtivos e por tipos de tecnoloxías, as oportunidades das que dispoñen as Pemes, no curto e medio prazo, ao adoptar as tecnoloxías emerxentes que facilitan a súa incorporación á Industria 4.0. Estas tecnoloxías achegan melloras na competitividade grazas a optimización da produción, a xeración de novos produtos e servizos ao cliente e de novos modelos de negocio, ademais de avances na cualificación das persoas e equipos de traballo.

A análise ofrece tamén un diagnóstico do nivel tecnolóxico actual de sectores industriais estratéxicos da economía de Galicia (aeronáutica, agroalimentación e bio, automoción, enerxías renovables, madeira/forestal, metalmecánico, naval, pedra natural, téxtil/moda e TIC), ao tempo que describe os investimentos en tecnoloxías 4.0 que as empresas galegas prevén acometer.

Mentres que a produción e as persoas son os ámbitos onde as empresas ven maior potencial de mellora -seguidas dos produtos e servizos e calidade-, a tecnoloxía que figura no primeiro posto da previsión de implantación é a xestión masiva de datos, big data. A continuación, sitúanse a simulación, modelización e virtualización; a robotización e automatización; a interacción persoa-máquina; os sistemas ciberfísicos e a seguridade.

O estudo constitúe un instrumento fundamental para afondar no desenvolvemento da Axenda 4.0 posta en marcha pola Xunta, que prevé impulsar investimentos por 175 millóns de euros no marco do actual plan bienal, e que beneficiou ata agora a máis de 4.200 empresas.

 

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios