Mércores, 06 Xuño 2018 11:09

A alianza de Galicia con Castela e León e Asturias é clave para consolidar o Noroeste peninsular como un polo de emprendemento e innovación

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria participou en Xixón no Northwest Investor’s Day, unha iniciativa que reúne a 75 empresas das tres comunidades con posibles investidores, un terzo delas galegas. Apunta que o capital risco, tanto no ámbito público como no ámbito privado, pode permitir que a capacidade de crecemento e de consolidación das empresas sexa cada vez maior. Para facilitar o acceso ao crédito, a Xunta conta con apoios que inclúen tamén avais, garantías ou préstamos, no marco do Galicia 1000.

Xixón (Asturias), 5 de xuño de 2018.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe en Xixón (Asturias) na inauguración do Northwest Investor’s Day que a colaboración de Galicia, Castela e León e Asturias é clave para consolidar o noroeste peninsular como un referente empresarial e como un polo de emprendemento e innovación.

Na súa intervención, Conde apuntou que “as administracións temos que abrir as pontes e servir de plataforma para que as nosas empresas e a nosa industria poidan seguir medrando e creando emprego e para que encontren os mecanismos para responder aos retos da nova economía”. O conselleiro sinalou que “o talento e a innovación son os elementos que están marcando eses retos”, subliñando que o capital risco, tanto no ámbito público como no privado, pode permitir que a capacidade de crecemento e de consolidación das empresas sexa cada vez maior.

Incidiu Francisco Conde en que as tres comunidades están unidas por un mesmo obxectivo: “que non haxa ningún proxecto en ningún caixón por falta de apoios financeiros”. O conselleiro subliñou que a clave é a cooperación público-privada, para poder responder ás necesidades de financiamento dos proxectos de emprendedores, pemes e micropemes.

Sinalou ademais que “sumando podemos multiplicar os resultados” e apuntou a importancia de que o tecido empresarial “teña tamén esa visión colaborativa e que polo tanto se derruben esas fronteiras que xa non existen desde o punto de vista da economía global”.

Neste sentido, apuntou que as tres comunidades xa están facendo esforzos conxuntos en moitos ámbitos, sinalando que “temos que seguir traballando conxuntamente para que o Corredor Atlántico se poida incluír na rede transeuropea” e que sexa unha plataforma “que tamén nos una e nos faga máis fortes ás comunidades autónomas do noroeste peninsular”. Sinalou como aspectos nos que abrir vías de colaboración a loxística, a simplificación administrativa ou os incentivos fiscais.

Apuntou o conselleiro que o Northwest Investor’s Day, no que están a participar 75 empresas, un terzo delas galegas, pode ser un punto de partida para reforzar a colaboración no ámbito económico, unha alianza na que deben participar administracións, tecido produtivo e os centros de coñecemento para dar resposta aos retos da nova economía.

No encontro que se celebra en Xixón, no que colaboran Galicia, Castela e León e Asturias, participan tanto startups que buscan capital semente como empresas xa consolidadas que buscan capital para crecer.

Galicia é a terceira comunidade con maior número de operacións de capital risco, sumando en 2017 o 12% do total do Estado, así como a cuarta con maior investimento en startups, e a cuarta en número de operacións neste ámbito. Ademais, Galicia atópase á cabeza de apoios a iniciativas en fase temperá, e a carteira de investimentos sitúase en 628,7 millóns de euros, a sexta máis voluminosa.

Para facilitar o acceso ao crédito, a Xunta conta cun compendio de apoios que, ademais de capital risco, inclúen avais, garantías ou préstamos, no marco do programa Galicia 1000, a través do cal se apoiaron en 2017 máis de 3.000 proxectos. Este ano prevese superar as 3.100 iniciativas apoiadas, mobilizando así 500 millóns de euros.

 

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios