Venres, 06 Xullo 2018 13:33

A Xunta salienta que os novos instrumentos financeiros impulsan os investimentos das Pemes na Industria 4.0

O director do Igape, Juan Cividanes, destaca a aposta da empresa compostelá Papelera de Brandia por mellorar a súa eficiencia cun investimento que rolda os 800.000 euros.A compañía, que exporta a países como Marrocos, Exipto ou México, prevé incrementar a súa produción ata superar as 35.000 toneladas ao ano.Cividanes salienta que o programa de IFIs facilita préstamos sen custos financeiros para proxectos de nova industria, emprendemento e innovación.

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2018.- O director do Igape, Juan Cividanes, salientou nunha visita á empresa Papelera de Brandía o potencial dos novos Instrumentos Financeiros Innovadores (IFIs) para impulsar a mellora da competitividade das pemes financiando investimentos no ámbito da Industria 4.0, do emprendemento ou da incorporación de innovación a procesos e produtos.

Durante a súa visita á compañía compostelá, que conta con financiamento a través do programa de IFIs para impulsar investimentos de 785.827 euros destinados a mellorar a eficiencia e a calidade da produción, Cividanes salientou que as pemes galegas poden contar con diferentes axudas á súa medida para impulsar o seu crecemento ou a súa internacionalización.

Cun cadro de persoal integrado por 66 traballadores e unha facturación de 34 millóns de euros o ano pasado, esta empresa de carácter familiar prevé incrementar a súa produción ata superar as 35.000 toneladas ao ano. Papelera de Brandía exporta a mercados europeos como Alemaña, Holanda, Italia ou Austria, pero tamén a outros países máis afastados como Marrocos, Exipto, México, Arabia Saudita ou Qatar.

Cividanes sinalou que o obxectivo do novo programa de IFIs, cunha dotación inicial de 33 millóns de euros, é conseguir que os autónomos e as pemes poidan desenvolver en Galicia os seus proxectos de investimento apostando pola innovación para mellorar a súa competitividade e para crecer cara a novos mercados. Este programa poderá mobilizar investimentos por máis de 60 millóns de euros e dará un importante impulso, xunto coas novas axudas á dixitalización, aos proxectos empresariais no ámbito da industria 4.0 para consolidar o crecemento económico e o emprego de calidade

Xunto a Papelera de Brandía, entre as primeiras empresas beneficiarias figuran Hidrofersa, con sede en Viveiro (Lugo), especializada no deseño fabricación e comercialización de maquinaria naval e industrial; Torus Software Solutions, que disporá de financiamento para desenvolver tecnoloxía , vinculada á Industria 4.0; ou Cristalería Pontevedresa, con sede en Ponte Caldelas (Pontevedra), que contará con financiamento para incorporar ás súas instalacións nova maquinaria para a impresión dixital en vidro, co obxectivo de seguir mellorando en competitividade e internacionalización.

Comprendidos entre 50.000 e un millón de euros, os préstamos do programa de IFIs contan con prazos de amortización entre 7 e 12 anos, e inclúen unha subvención para rebaixar os custos financeiros, polo que os intereses a pagar polas empresas beneficiarias poden quedar no 0%. O novo programa de Instrumentos Financeiros Innovadores (IFIs) nace con vocación de catalizar tamén financiamento privado cara aos investimentos en Industria 4.0, innovación e emprendemento. Un dos obxectivos das novas liñas de préstamos é conseguir que o financiamento das entidades financeiras cubra entre o 25 e o 40% dos investimentos apoiados.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios