Luns, 30 Xullo 2018 14:38

A Xunta aposta pola incorporación das startups galegas á industria 4.0 como garantía de crecemento e consolidación

Responsables do Igape participaron hoxe en Santiago na presentación da aceleradora vasca Bind 4.0 ao tecido empresarial. Os emprendedores e as empresas galegas teñen a oportunidade de participar na terceira edición do programa de aceleración que brinda a oportunidade singular de traballar, mesmo desde Galicia, cun gran cliente industrial.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2018.- Responsables do Igape participaron esta mañá en Santiago na presentación a startups galegas do Programa Acelerador Bind 4.0, que desenvolve a Axencia vasca de desenvolvemento empresarial (SPRI), e na que os emprendedores e as empresas galegas teñen a oportunidade de participar.

O programa ofrece a oportunidade singular de traballar, mesmo desde Galicia, cun gran cliente industrial. Os retos desta iniciativa coinciden coa aposta da Xunta pola incorporación das novas empresas tecnolóxicas á Industria 4.0 como garantía para o seu crecemento e consolidación. Neste senso, xogan un papel destacado as aceleradoras postas en marcha polo Goberno galego para o desenvolvemento de iniciativas empresariais no eido da Industria 4.0.

O Bind 4.0 é un programa de aceleración público-privado desenvolto no País Vasco, dirixido ás mellores startups con solucións baseadas en tecnoloxías da industria 4.0 e aplicadas aos campos da fabricación avanzada, enerxía e saúde. O programa ofrece os mellores servizos de soporte e garante o desenvolvemento de proxectos con empresas tractoras como Mercedes-Benz Vitoria, ABB, Bridgestone, Iberdrola, Repsol-Petronor, Michelin e Danobat Group.  Ademais de ofrecerlles ás startups seleccionadas un contrato cunha das principais empresas industriais vascas para o desenvolvemento dun proxecto baseado en tecnoloxías 4.0, o programa tamén achega colaboración tecnolóxica con Google, Siemens, Amazon e Microsoft.

Na última edición do programa recibíronse 385 startups candidatas novas de 57 países diferentes. Finalmente, 27 startups foron seleccionadas por 24 empresas colaboradoras para executar 40 proxectos da Industria 4.0. O conxunto de programas e aceleradoras galegas está xerando un importante volume de novos emprendedores con interesantes proxectos e potencial de escalabilidade e crecemento. Esta colaboración co País Vasco abre unha posibilidade adicional aos emprendedores galegos e permitirá tamén a presentación das aceleradoras de Galicia no País Vasco a finais do presente ano, xerando así un intercambio de posibilidades para o emprendemento nacional e con proxección internacional.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios