Xoves, 27 Setembro 2018 10:45

A Xunta pon en valor os 17 proxectos emprendedores do coworking de Santiago pola súa aposta polas TIC e os servizos culturais e da industria creativa

A Cidade da Cultura acolle a presentación das iniciativas desenvoltas na aceleradora, na que colaboran o Igape e a Escola de Organización Industrial. Entre as actividades escollidas para os 17 proxectos desta terceira edición resaltan as enfocadas a servizos tecnolóxicos ou formativos apoiados nas TIC, de desenvolvemento persoal ou do sector da moda. Os participantes contaron con asesoramento especializado e titoría personalizada no espazo habilitado no Gaiás, onde se aceleraron máis de corenta novos proxectos ao abeiro das dúas edicións anteriores. Os novos empresarios poden dispor dos servizos e liñas de axuda que a Consellería de Economía, Emprego e Industria ten activados a través do Igape para apoiar o emprendemento.

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2018.- A Cidade da Cultura acolleu hoxe a presentación dos proxectos impulsados na terceira edición do coworking organizado polo Igape e a Escola de Organización Industrial, na que se achegou formación e asesoramento para o desenvolvemento dun total de 17 proxectos.

A directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo, felicitou os emprendedores por ter completado esta primeira parte do camiño e convidounos a seguir contando co apoio do Centro de Emprendemento do Gaiás para consolidar os seus proxectos. “O Centro está ao servizo das persoas emprendedoras. Ofrecémoslles un espazo de traballo, acompañámolas coa sabedoría de expertos e levamos a cabo ao longo de todo o ano máis dun cento de actividades para formar, mellorar e dar visibilidade ás súas iniciativas”, subliñou.

Os novos empresarios poderán seguir contando cos servizos e os instrumentos de apoio que ofrece a Consellería de Economía, Emprego e Industria para facilitar a posta en marcha e a consolidación temperá das novas empresas. Deste xeito, poderán continuar accedendo ao asesoramento especializado ou titoría que precisen, así como a préstamos directos como os activados no novo programa de instrumentos financeiros innovadores (IFIs) para financiar os seus investimentos.

Os emprendedores que desenvolveron os 17 proxectos empresariais neste espazo coworking, no que recibiron asesoramento á medida sobre a posta en marcha das súas iniciativas, optaron por ámbitos de actividade tan diversos como servizos culturais e formativos apoiados nas TIC, de desenvolvemento persoal e de produtos do sector da moda, así como actividades relacionadas coa valorización de recursos do territorio.

Esta aceleradora, na que nas dúas edicións anteriores se apoiaron 44 iniciativas emprendedoras, forma parte da rede de espazos creada pola Conselleira de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape e en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI). Cofinanciada polo Fondo Social Europeo (FSE), a rede ten como obxectivo favorecer o desenvolvemento de proxectos empresariais e a creación de emprego sobre o territorio, contribuíndo á posta en marcha e consolidación de novas empresas no territorio.

Nos próximos días finalizarán tamén as accións de formación e asesoramento nos espazos coworking de Celanova-Terras da Limia, Ribeira Sacra, Costa da Morte, Mariña lucense e Ferrolterra, nos que, en conxunto, se apoiaron 130 novos proxectos de emprendemento.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios