Luns, 12 Novembro 2018 13:08

A Xunta busca continuar incrementando as exportacións das empresas galegas a Brasil

Representantes do Igape reuníronse cunha delegación de empresarios do sector téxtil deste país, que visitan estes días Galicia co obxectivo de ampliar as relacións económicas. A misión empresarial amosou o seu interese pola Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. Ata agosto deste ano, o volume de exportacións das empresas galegas a Brasil acadou os 90,4 millóns de euros, un 18,5% máis que en todo 2017. Medran tamén as vendas ao exterior do sector da moda galego a este mercado, que se incrementan nun 117,5% e superan os 11,5 millóns de euros.

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2018.- Representantes do Igape mantiveron unha entrevista de traballo cunha delegación de empresarios de Brasil que está a visitar Galicia estes días para avaliar novos proxectos na Comunidade e mellorar as relacións económicas, nunha misión empresarial promovida polo Servizo de Apoio as Micro e Pequenas Empresas do estado brasileiro de Río Grande do Norte (SEBRAE).

A cónsul honoraria do Brasil en Galicia, María Montalvo, acompañou aos 19 empresarios e representantes de entidades do sector téxtil dese estado brasileiro, que, ademais de visitar varias empresas galegas do eido da moda para reforzar o intercambio económico, coñeceron de primeira man a Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Así, durante o encontro, os responsables do Igape facilitaron información sobre as medidas desenvoltas ao abeiro desta iniciativa e que se concretan nos programas de axudas activos como o Galicia Exporta, o plan Foexga ou as bolsas de formación, que achegan ás pemes galegas información, servizos directos nos principais mercados internacionais, financiamento para a entrada neles, e formación e especialización de recursos humanos.

Ademais, salientaron a boa marcha das exportacións das empresas galegas a Brasil que, ata agosto deste ano, acadaron os 90,4 millóns de euros, un 18,5% máis que en todo 2017, cando superaron os 76,2 millóns de euros. En canto ao sector galego da moda, a súa evolución tamén é positiva: as vendas a este país medraron un 117,5% no mesmo período, situándose por riba dos 11,5 millóns de euros.

O mesmo comportamento mostran as exportacións a Brasil dos produtos industriais e tecnolóxicos realizados en Galicia, que confirman a evolución dos últimos anos, acadando o pasado mes de agosto os 73,6 millóns de euros, máis dun 16% ca en 2017. Nese eido, destacan os incrementos das vendas de equipos de protección e seguridade laboral, máis do 500%, e dos vinculados ao medio ambiente e a produción enerxética, que supera o 230%.

A Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega, posta en marcha en 2015, promove o fomento da cultura de internacionalización, o incremento da presenza das pemes en mercados internacionais, a atracción de investimentos, a consolidación da imaxe de Galicia no exterior e a unidade de acción de axentes, empresas e entidades financeiras.

 

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios