Venres, 25 Xaneiro 2019 11:12

Feijóo destaca a posta en marcha do plan de mellora de aloxamentos turísticos para seguir configurando un destino máis competitivo e con novos e mellores servizos

O titular da Xunta avanzou hoxe as dúas primeiras medidas que, dotadas con 4 millóns de euros, poderán beneficiar a 550 establecementos. Destacou o impacto cada vez maior que o turismo ten na economía galega. A Consellería de Cultura lidera as actuacións, nas que tamén se integran as consellerías de Economía, Medio Rural e Mar, así como a Amtega. 

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2019.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a posta en marcha do Plan MAT de mellora de aloxamentos turísticos para seguir configurando un destino máis competitivo e con novos e mellores servizos.

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo resumiu o plan en tres grandes obxectivos: dinamizar o sector, especialmente nas zonas onde é preciso manter vida -en contornos naturais, marítimo-pesqueiros e rurais-; crecemento do sector, que precisa ampliarse e cubrir con solvencia todo o territorio e diferentes liñas de negocio; e, en terceiro lugar, maior profesionalización, para dar unha resposta cada vez máis personalizada.

"É dicir, alcanzar un aloxamento turístico máis forte, con máis oferta e máis variada. Mellorar a oferta existente, dotándoa de máis e mellores servizos e máis axustada aos distintos territorios que son potencialmente interesantes", precisou.

Para acadar este fin, o presidente da Xunta explicou que a Consellería de Cultura e Turismo lidera as actuacións, nas que tamén se integran as consellerías de Economía, Medio Rural e Mar, así como a Amtega.

Todo isto para impulsar actuacións en catro eixos fundamentais: a mellora da competitividade do sector; a formación e calidade continua; a innovación; e a comercialización e busca de sinerxías. E, a través de 20 liñas de axudas, entre as que se atopan: 6 para incentivar a creación de novos establecementos; 9 para mellorar os establecementos existentes; e un total de 3 instrumentos financeiros como apoio ás iniciativas do sector.

Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta aseverou que o Plan MAT de mellora de establecementos turísticos comprenderá tamén outro tipo de accións como: a creación dun mapa interactivo de axudas que permita ao sector coñecer polo miúdo os recursos dispoñibles; actividades formativas e xornadas de networking; encontros con expertos, difusión de boas prácticas e recoñecemento e distinción da excelencia; cursos de especialización a cargo de entidades de prestixio como o Centro Superior de Hostelería de Galicia; formación e xornadas de sensibilización en accesibilidade; e, por último, actividades orientadas á innovación, así como de apoio á xestión, actualización continua e divulgación.

Así mesmo, prestará especial atención aos Camiños de Santiago, nos que desenvolverá actuacións para o aproveitamento dos aloxamentos turísticos situados nestas rutas; ao termalismo; a xuventude, apostando por festivais e novos deportes; e ao turismo científico, poñendo en valor a ornitoloxía, a astronomía, as xeoloxías ou o patrimonio industrial.

Dúas primeiras medidas, dotadas con 4 millóns de euros

Logo de confirmar que esta iniciativa empezará de xeito inmediato, Feijóo avanzou as dúas primeiras liñas de axudas que, dotadas dun orzamento total de 4 millóns de euros, beneficiarán a 550 establecementos.

Por unha banda, a Consellería de Cultura e Turismo lanzará unha orde de axudas, cun orzamento dun millón de euros, para avanzar na mellora das infraestruturas de aloxamento, na accesibilidade, na obtención de certificados de calidade, no incremento da súa clasificación e, por último, na renovación das súas instalacións.

E, poderán ser obxecto de subvención: actuacións destinadas a mellorar as condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas; obras destinadas á mellora das instalacións coa finalidade de obter certificacións de calidade, en especial a Q de Calidade Turística; actuacións destinadas á mellora da clasificación do establecemento que supoñan un incremento de categoría; actuacións de mellora da climatización que favorezan a sustentabilidade coa implementación de medidas de aforro enerxético; actuacións relativas á renovación e modernización das instalacións, así como o embelecemento do entorno; ou a renovación dos equipamentos mobles.

Os beneficiarios serán os establecementos turísticos de aloxamento incluídos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta -con especial incidencia nas pequenas e medianas empresas do sector-; e, deberán acreditar unha antigüidade non inferior a 5 anos, sendo o importe máximo da axuda a cada entidade de 35.000 euros.

A Consellería de Economía impulsará o Programa Reforma Tur 2019 que, contará cun investimento de tres millóns de euros para axudar aos establecementos hoteleiros a reformar as súas instalacións.

A contía da axuda será dun 25% sobre o prezo dos bens, cun máximo acumulado de subvención de 25.000 euros por beneficiario e establecemento hoteleiro. E, poderán acollerse ao programa: os titulares de establecementos hoteleiros cun máximo de 40 prazas dentro da categoría de hoteis, hoteis balneario e hoteis talaso; os establecementos de turismo rural situados no Camiño de Santiago; e os albergues privados situados nesta mesma ruta.

O prazo para a presentación de solicitudes de axuda permanecerá aberto para as entidades colaboradoras desde o 29 de xaneiro ata o 28 de marzo. E os locais hoteleiros disporán desde o 28 de febreiro ata o 30 de abril para a presentación.

O responsable autonómico fixo fincapé no impacto cada vez maior que o turismo ten na economía galega: crece o seu peso no PIB (xa está no 10,4 %); crece o emprego (un 7,4% máis en 2018 que en 2017 ); e crece a súa capacidade de xerar recursos públicos, xa que a recadación a través de impostos do turismo supón xa o 10,4 % do total.

"E todo isto é posible porque segue crecendo a capacidade de Galicia de atraer visitantes", dixo, lembrando que a Comunidade galega pasou de 3,8 millóns de turistas en 2013 a 4,8 en 2018 (un incremento de máis do 25%). A estadía media hoteleira medrou en 2018 un 3,4% con respecto ao ano anterior, subindo por terceiro ano consecutivo; e a ocupación hoteleira alcanzou o seu máximo histórico e supera en máis de 10 puntos o dato de 2012.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios