Venres, 25 Xaneiro 2019 11:33

O coworking da Costa da Morte mantén aberto o prazo de inscrición para os emprendedores con novas ideas de negocio

A cuarta edición desta aceleradora promovida pola Xunta en colaboración coa EOI ofrece os novos empresarios formación e asesoramento especializado para poñer en marcha o seu proxecto. Na última convocatoria desenvolvéronse iniciativas vinculadas ao sectores das TIC, da moda, do turismo ou da alimentación. Durante as tres convocatorias realizadas en Cabana de Bergantiños foron apoiadas máis de 60 novas empresas.

Cabana de Bergantiños (A Coruña), 25 de xaneiro de 2019.- O espazo coworking da Costa da Morte promovido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, e en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), mantén aberta a convocatoria da cuarta edición ofrecendo a oportunidade aos novos empresarios de contar con formación e asesoramento especializado para poñer en marcha a súa idea de negocio.

Con esta acción, cofinanciada polo Fondo Social Europeo, os emprendedores da comarca dispoñen en Cabana de Bergantiños dunha plataforma de traballo para desenvolver as súas novas empresas. Poderán participar nesta edición os promotores de ata 22 ideas empresariais sen desenvolver, emprendedores con proxectos de desenvolvemento en fase temperá e emprendedores que crearan a súa empresa en datas recentes e precisen asesoramento para a fase inicial de consolidación e crecemento.

Na última convocatoria desta iniciativa desenvolvida na Costa da Morte impulsáronse 20 proxectos en diferentes ámbitos de actividade, como os servizos tecnolóxicos apoiados nas TIC, o sector da moda, a construción de vivendas modulares, ou os servizos relacionados coa valorización dos recursos do territorio, como o turismo ou os produtos agroalimentarios.

A iniciativa da Costa da Morte leva apoiado durante as súas últimas tres edicións máis de 60 novos proxectos innovadores e forma parte da rede de espazos creada pola Xunta en colaboración coa EOI, que teñen como obxectivo favorecer o desenvolvemento de proxectos empresariais e a creación de emprego sobre o territorio, contribuíndo á posta en marcha e consolidación de novas empresas.

Desde o comezo da súa actividade e ata finais de 2018, a rede de espazos coworking ten impulsado en Galicia un total de 458 proxectos de máis de 500 emprendedores. Na actualidade permanecen abertas as convocatorias para os de Ferrolterra, O Salnés, Ribeira Sacra, A Mariña lucense, Celanova e Terras da Limia e Santiago de Compostela.

Os novos empresarios contan ademais cos servizos e os instrumentos de apoio que ofrece a Consellería de Economía, Emprego e Industria para facilitar a posta en marcha e a consolidación temperá das novas empresas, como os programas Galicia Emprende e Galicia Rural Emprende, así como a Plataforma StartIn, a rede de aceleradoras na que se inclúen os espazos coworking, e que leva impulsado nos últimos cinco anos 900 proxectos innovadores. Ademais as iniciativas empresariais de nova creación teñen á súa disposición instrumentos de financiamento habilitados por Xesgalicia e o Igape.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios