Luns, 08 Abril 2019 11:48

A Xunta aposta pola aplicación da matemática no desenvolvemento da Industria 4.0 nas pemes galegas

O director do Igape, Juan Cividanes, inaugurou o 147 European Study Group with Industry (ESGI), no que matemáticos e industriais europeos avanzan na resolución dos retos da industria actual. Subliña a importancia da matemática aplicada na transformación dixital, a mellora da competitividade e a innovación das pequenas e medianas empresas. Desde hoxe e ata o 12 de abril, Santiago de Compostela acolle o foro organizado polo Itmati e a Rede Española Matemática-Industria.

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2019.- O director do Igape, Juan Cividanes, inaugurou esta mañá xunto á decana da Facultade de Matemáticas da USC, Elena Vázquez, e a directora do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (Itmati) e presidenta da Rede Española Matemática-Industria (math-in), Peregrina Quintela, o foro 147 European Study Group with Industry (ESGI) . Desde hoxe e ata o venres 12 de abril, científicos industriais e investigadores matemáticos europeos danse cita en Santiago de Compostela para abordar e dar solucións aos principais e retos da industria actual.

Durante a súa intervención, Cividanes destacou a importancia da investigación e a matemática aplicada na mellora dos procesos industriais das pemes galegas, así como a relevancia da transferencia do coñecemento científico á empresa para abordar con éxito as novas posibilidades que se abren da man da innovación tecnolóxica e para mellorar a competitividade do tecido produtivo. Recoñeceu o papel deste tipo de foros xa que reforzan as relacións de traballo constantes e duradeiras entre os matemáticos e a industria.

O director do Igape fixo fincapé no impulso que leva a cabo a Axenda Industria 4.0, posta en marcha pola Xunta en 2015, na implantación da industria conectada, a fábrica intelixente e a dixitalización, en xeral. Salientou tamén a importancia das áreas de transferencia do coñecemento das matemáticas aplicadas á empresa, que facilitan o desenvolvemento de tecnoloxías 4.0 como a Internet das cousas, a intelixencia artificial e machine learning, big data e analítica de datos, e a realidade virtual e a aumentada.

Nesa liña desenvólvense os programas ReAcciona, que inclúen a diagnose das necesidades de cada empresa para a incorporación das tecnoloxías dixitais, o acompañamento e apoio na posta en marcha de proxectos Industria 4.0 ou a exploración de novas oportunidades de negocio vinculadas a este ámbito, así como a xeración de modelos e simulacións industriais para optimizar os procesos de produción.

Ao abeiro da Axenda Industria 4.0, a Xunta tamén pon a disposición das empresas préstamos –como os Instrumentos Financeiros Innovadores (IFIs) – e axudas á dixitalización, que incentivan a creación de espazos de colaboración entre empresas para explorar solucións tecnolóxicas e apoian tanto o investimento en equipos e software como as colaboracións externas necesarias para a súa implementación. Así, o apoio da Administración galega aos proxectos empresariais que desexan aplicar big data ou intelixencia artificial pode acadar axudas de ata o 40% de media.

Os European Study Group with Industry (ESGI), que se iniciaron en Oxford no ano 1968, teñen entre os seus obxectivos propoñer novas liñas de investigación baseadas en retos empresariais, afianzar a importancia das matemáticas na industria e dos perfís matemáticos nas compañías, así como estimular unha maior conciencia do poder desta disciplina na prestación de vías de solución nos problemas do mundo real.

Este encontro científico está organizado pola Rede Española Matemática-Industria (math-in) e o Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (Itmati), un consorcio formado polas tres universidades galegas e que ten como obxectivo proporcionar solucións tecnolóxicas mediante as matemáticas a empresas, industrias e administracións para apoiar a innovación e a mellora da competitividade do tecido produtivo, así como a creación de valor económico nos múltiples sectores de actividade.

 

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios