Martes, 25 Xuño 2019 10:15

A Xunta destaca o papel da formación axustada á nova realidade empresarial para impulsar a competitividade das pemes galegas

O director do Igape, Juan Cividanes, inaugurou en Oleiros as novas instalacións da Escola de Finanzas Business School que conta cun amplo abano de programas de formación directiva. Resalta o compromiso do centro para adaptar os perfís profesionais ás novas demandas do tecido empresarial galego. Subliña que a Consellería de Economía, Emprego e Industria traballa pola adaptación das competencias dos titulados con programas como o Capacita Directivos, que desde 2015 ten realizado 43 accións ás que asistiron 7600 persoas. O Goberno galego tamén facilita a especialización en comercio exterior a través de iniciativas como os bolseiros de internacionalización que leva formado a máis de 300 novos titulados.

Oleiros (A Coruña), 21 de xuño de 2019.-O director do Igape, Juan Cividanes, destacou hoxe, na inauguración das novas instalacións do campus de excelencia da Escola de Finanzas Business School en Oleiros, o compromiso deste centro de formación para adaptar os perfís profesionais coas novas demandas do tecido empresarial galego.

Cividanes resaltou que na actualidade as compañías precisan de persoal cun maior nivel de cualificación e con capacidades de liderado e xestión empresarial polo que a oferta educativa deste centro con másteres como os de Dirección Corporativa Lean Management 4.0, MBA Dirección Xeral ou Xestión e Dirección Estratéxica de Persoas da resposta ás necesidades do mercado laboral actual.

Lembrou tamén o esforzo da Consellería de Economía, Emprego e Industria co impulso aos programas de formación e promovendo un novo modelo produtivo baseado no coñecemento. Así, para fomentar a mellora das novas competencias nas persoas e nas empresas mediante a formación en eidos como estratexia, xestión e tecnoloxías vinculadas ás oportunidades que achega a Industria 4.0, desde 2015 o Igape impulsa, coa colaboración da Asociación para o Progreso da Dirección (APD) e o Círculo de Empresarios de Galicia, a liña de axuda Capacita Directivos.

Mediante o desenvolvemento desta iniciativa, téñense realizado 43 actividades formativas nas que participaron máis de 7.600 participantes, aos que se sumarán os 1.600 previstos nas 11 accións que se están a realizar en 2019.

Cividanes destacou, durante a súa intervención, a relevancia de desenvolver as capacidades do capital humano na era da dixitalización e á robotización industrial para lograr o mantemento e a xeración de emprego de calidade e para consolidar a fábrica intelixente.

O director do Igape subliñou tamén o apoio do Goberno galego á especialización de persoas con titulacións universitarias ou profesionais en materia de comercio exterior a través do programa de bolseiros de internacionalización. Esta iniciativa contribúe á capacitación profesional de novos titulados para consolidar o proceso de saída ao mercado exterior das empresas, para facilitar o seu acceso ao mercado laboral, e para impulsar o desenvolvemento de proxectos de internacionalización das pemes galegas nos que colaborarán os bolseiros achegando os seus coñecementos ao tempo que reforzan a súa formación práctica.

O programa, que facilitou ata o momento a especialización de 321 novos titulados galegos que colaboraron coas empresas de Galicia na súa presenza e consolidación en mercados de todo o mundo, enmárcase na Estratexia de internacionalización da empresa galega desenvolvida pola Xunta, e que ten como un dos seus eixos a promoción das vendas ao exterior do tecido produtivo.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios