Martes, 16 Xullo 2019 11:49

As vendas galegas ao exterior no sector da pedra natural superan os 100 M€ tras aumentar un 10,4% no primeiro cuadrimestre do ano

O director do Igape, Juan Cividanes, visitou hoxe en Salceda de Caselas as instalacións da empresa Granilouro, onde salientou o traballo das empresas cara á diversificación e á apertura a novos mercados. Destacou os incrementos de xaneiro a abril das vendas galegas ao exterior a destinos asiáticos, como o 32% da China, e americanos, nos que a suba acadou o 17% no continente. Galicia mantén un peso do 7,2% sobre o total das exportacións españolas, sendo a sexta Comunidade cun maior volume de vendas.

Salceda de Caselas (Pontevedra), 16 de xullo de 2019.- O director do Igape, Juan Cividanes, salientou hoxe na súa visita ás instalacións da empresa Granilouro, en Salceda de Caselas, a boa evolución da presenza exterior das compañías galegas do sector da transformación da pedra natural, que no primeiro cuadrimestre do ano aumentaron as súas exportacións nun 10,4% con respecto ao mesmo período de 2018, acadando un valor de 101,7 millóns de euros. No mes de abril a suba tamén foi destacada, un 21,4%, cun volume total de vendas de 25,3 millóns.

Cividanes quixo destacar que empresas como Granilouro, cun claro esforzo para incrementar a súa presenza nos mercados internacionais e a diversificación da súa oferta, e cunha forte aposta pola modernización da súa produción, a través da investigación e das tecnoloxías e ferramentas 4.0, son boa mostra da senda de crecemento no exterior das pemes galegas.

O número de compañías exportadoras da Comunidade galega superou no que vai de ano, entre xaneiro e abril, as 4000, ao tempo que se incrementaron nun 1,6%, sendo xa 2270, as empresas que venden produtos no estranxeiro regularmente, é dicir, que o fan cando menos durante os últimos catro anos de forma consecutiva.

De manter o ritmo exportador dos catro primeiros meses do presente ano, Galicia pecharía 2019 de novo por riba dos 20.000 millóns de euros en vendas ao exterior, cifra que se acadou por primeira vez en 2016. Do total das exportacións españolas, as galegas supoñen o 7,2%, dous puntos por riba do seu peso no PIB español, que acada o 5,2%. Así, é a sexta Comunidade en volume de exportacións.

En relación cos destinos das vendas, o director do Igape resaltou que a Xunta, a través da Estratexia de internacionalización da empresa galega, traballa para acompañar ao tecido produtivo galego no seu obxectivo de diversificarse e abrirse a novos mercados. Así, subliñou o incremento das exportacións a Asia durante o primeiro cuadrimestre do ano, cun aumento do 10,8%, no que despunta China cunha suba do 32,1%; así como o mantemento do bo comportamento das vendas ao continente americano, no que o ascenso foi de case o 17%, chegando no caso dos Estados Unidos ao 18,7%.

A produción de Granilouro, que centra a súa actividade no deseño de solucións individualizadas e singulares, e na edificación e dotación de mobiliario a espazos urbanos e rurais, a partir dunha ampla variedade de pedras naturais, está destinada, ademais de a gran parte do territorio español, a países europeos como Alemaña, Holanda, Francia, Dinamarca e Reino Unido, entre outros, ou a outros destinos fóra de Europa como Ecuador, República Dominicana, Marrocos ou Alxeria.

Durante a súa visita a esta compañía, Cividanes destacou tamén o apoio que ofrece a Consellería de Economía, Emprego e Industria para que o tecido empresarial galego avance na súa proxección exterior. Así, Granilouro participou no programa Galicia Exporta, co que mediante liñas específicas para desenvolver proxectos individuais e colectivos, a Xunta impulsa as exportacións das pemes galegas.

Ademais, para desenvolver investimentos de mellora da súa capacidade competitiva e achegar os seus procesos e equipos de produción aos propios da fábrica intelixente, a empresa pontevedresa contou co apoio dos programas do Igape de axudas á dixitalización Industria 4.0 e o Galicia Inviste.

Outros sectores

Sobre o comportamento exportador doutros sectores produtivos no primeiro cuadrimestre de 2019, o director do Igape destacou o incremento nas vendas das industrias químicas, que medraron case un 17%, chegando practicamente aos 270 millóns de euros no período; o da maquinaria, que medrou un 26,3% e acadou os 255 millóns de euros en exportacións; e o TIC, que subiu un 18%, cun volume total de 30 millóns de euros. Pola súa banda, a industria forestal exportou case un 4% máis que no mesmo período do ano anterior e superou os 290 millóns de euros de vendas ao exterior.

A Xunta tamén destina 11,6 millóns de euros aos programas Galicia Exporta e Foexga, o que supón un incremento de 3,7 millóns de euros con respecto ás anteriores edicións, para chegar a preto de 1000 empresas. Mediante a programación do Foexga para o 2019, incorpóranse doce novos destinos, a maior parte deles fóra de Europa e increméntase o número de actuacións en países nos que xa se estaba actuando. En total, téñense previstas realizar 111 accións, un 46% máis que no ano anterior.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios