Martes, 25 Outubro 2011 02:00

Javier Guerra reitera o compromiso da Xunta cos novos proxectos innovadores no Día Emprendedor

O conselleiro de Economía e Industria garante que a Xunta apoiará as ideas "que incorporan a innovación ao ámbito empresarial" e destaca os instrumentos que ofrece o Goberno galego ás pemes e emprendedores para acceder a formación, asesoramento e financiamento para os seus proxectos. Segundo Javier Guerra, "estamos no bo camiño para consolidar unha cultura do emprendemento que está chamada a dinamizar a nosa economía nos próximos anos". Máis de 60 empresarios de éxito e especialistas compartiron as súas experiencias cos máis de 2.000 asistentes ao evento.

Santiago, 25 de outubro de 2011.- O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, que presidiu este mediodía o plenario do Día Emprendedor de Galicia, reiterou o apoio decidido da Xunta para os novos proxectos que incorporen innovación ao ámbito empresarial, e amosouse convencido de que a recuperación da economía chegará asociada "ao talento, a iniciativa e o esforzo dos emprendedores".

Na súa intervención na xornada, organizada polo Igape e BIC Galicia en colaboración con outras entidades que traballan para favorecer a creación de novas empresas, Javier Guerra amosou ante os máis de dous mil asistentes a súa seguridade de que encontros como o de hoxe serven para prestixiar, como se merece, a figura do emprendedor galego.

O conselleiro defendeu a necesidade de eliminar trabas aos empresarios e emprendedores para que se poidan crear empresas de forma áxil, sen atrancos. Guerra considerou importante non pórlle trabas ao emprendemento, e salientou que os emprendedores galegos xa poden crear empresas, baixo a fórmula xurídica da Sociedade Limitada Nova Empresa, en menos de 48 horas e a través das oficinas territoriais do Igape. Este servizo telemático facilitou xa, tal e como salientou o conselleiro, a creación áxil de máis de 200 novas sociedades nesta lexislatura.

Así mesmo, salientou que Economía e Industria considera prioritaria "a tarefa de formar, asistir, acompañar e axudar ao emprendedor en todas e cada unha das fases que levan á creación da empresa" e asegurou que "temos instrumentos axeitados para facilitar ás pemes e aos emprendedores o acceso tanto á formación e o asesoramento como ao financiamento dos seus proxectos e a súa expansión e consolidación".

Guerra referiuse, en concreto, aos programas formativos ofrecidos a través de Bic Galicia ou ao asesoramento da Rede Galega de Mentores, e programas do Igape como re-Emprende e re-Imaxina, cos que se apoia o financiamento de proxectos, así como dos fondos de capital risco cos que conta a Xunta.
Segundo o conselleiro de Economía e Industria "estamos no bo camiño para consolidar unha cultura do emprendemento que estará chamada a dinamizar a nosa economía nos próximos anos".

Nese sentido, subliñou o labor que se desenvolve a través das xornadas do Día Emprendedor, que este ano se celebraron en Lugo e Ourense, antes do evento de hoxe en Santiago, o que supuxo mobilizar a máis de 3.000 persoas. Javier Guerra lembrou que estes encontros serven para difundir entre os potenciais emprendedores e os empresarios todos os recursos, servizos e apoios existentes en Galicia para apoiar as novas iniciativas empresariais, para facilitar o acceso tanto á formación e o asesoramento gratuítos como ao financiamento para a implantación de proxectos e a súa posterior expansión e consolidación. "A Xunta está e estará cos emprendedores que arriscan e se esforzan para crear unha empresa", dixo o conselleiro.

O Día Emprendedor de Galicia é a gran cita anual do emprendedurismo galego que promove cada ano a Consellería de Economía e Industria, a través do Igape e Bic Galicia e en colaboración con outras entidades que traballan para favorecer a creación de empresas. No encontro deste ano os asistentes tiveron oportunidade de coñecer as claves para detectar as actuais oportunidades de negocio e conseguir financiamento, así como as formas de afondar nas vantaxes empresariais das novas tecnoloxías e as posibilidades da internacionalización.

O programa incluíu relatorios e mesas redondas nas que se abordaron todas as etapas do emprendemento, así como espazos de asesoramento individualizado e gratuíto, onde expertos de diversas entidades de xestión empresarial resolveron as dúbidas de emprendedores e empresarios participantes.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios