Luns, 04 Novembro 2019 13:02

A Xunta afinaza cunha misión comercial as alianzas e oportunidades de negocio iniciadas en China

O director do Igape, Juan Cividanes, encabeza a delegación impulsada en colaboración coa Cámara de Comercio da Coruña que participa na segunda Feira China International Import Expo. Nesta cita internacional da importación que se celebra en Xangai desde mañá ata o domingo participan as empresas Pescanova, Albo, Lanzal, Estrella Galicia, Vinigalicia, Feiraco-Clun, Leche Rio, Galmesano e Coren. Galicia conta cun espazo expositivo propio sobre alimentación na cita do país asiático, destino no que as vendas galegas do sector se incrementaron case un 83% nos oito primeiros meses do ano. Outras 8 empresas galegas participan noutra misión comercial multisectorial a este destino e a Taiwán, impulsada a través dos programas Foexga e Sinerxía.

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2019.- O director do Igape, Juan Cividanes, encabeza a misión comercial a China impulsada pola Xunta e a Cámara de Comercio da Coruña na que participan nove empresas galegas, que estarán presentes na China International Import Expo, evento internacional da importación no que a industria da alimentación ten un papel relevante e que abre as súas portas por segunda ano en Xangai.

Pescanova, Albo, Lanzal, Estrella Galicia, Vinigalicia, Feiraco-Clun, Leche Rio, Galmesano e Coren forman parte da misión que asiste á segunda edición desta feira internacional na que, desde mañá ata o domingo, se prevé que se dean cita más de 2800 empresas de 170 países, e na que a Comunidade terá unha presenza destacada cun espazo expositivo propio e coa celebración do Día de Galicia na xornada do 6 de novembro.

A participación galega na China International Import Expo busca consolidar as oportunidades de negocio xa abertas no país asiático e crear novas alianzas para o tecido empresarial, ademais de intensificar a posición dos produtos agroalimentarios de Galicia no mercado asiático.

Así, nos oito primeiros meses do ano, e con respecto ao ano anterior, as vendas a China de produtos galegos agroalimentarios e bebidas incrementáronse un 82,7%, acadando un volume de 64,5 millóns de euros. Tamén de xaneiro a agosto, o total das vendas galegas a China superou os 170 millóns de euros, o que supón un 26% máis que nos mesmos meses do ano pasado.

Durante a feira reforzarase a imaxe da marca Galicia coa presentación de produtos galegos, como conservas de peixe e mariscos, lácteos, carne e bebidas, e con actividades como obradoiros de cociña ou mostras culturais. O apoio do Goberno galego á delegación dá continuidade ás misións que tanto o presidente da Xunta como o conselleiro de Economía, Emprego e Industria realizaron a este país nos últimos dous anos.

Paralelamente a este evento, outras oito empresas galegas están a realizar unha misión comercial multisectorial do 2 ao 21 de novembro tamén en China e, ademais, en Taiwán. Impulsada polo Goberno galego en colaboración coa Cámara de Comercio da Coruña, a través do plan Foexga e do programa Sinerxía, esta acción ten por obxectivo impulsar a internacionalización do tecido produtivo galego e buscar novas vías de investimento e colaboración neses destinos para as empresas participantes.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios