Martes, 12 Novembro 2019 09:39

Empresas galegas do sector agroalimentario reforzan a súa presenza en China co apoio da Xunta

O director do Igape, Juan Cividanes, encabezou unha misión comercial na que participaron Pescanova, Albo, Lanzal, Estrella Galicia, Vinigalicia, Feiraco-Clun, Leche Rio, Galmesano e Coren. Galicia foi a única comunidade autónoma que contou cun espazo expositivo propio na segunda Feira Internacional de Importación de China. A empresa galega de desenvolvemento de proxectos navais Gabadi está a construír catro tanques de contención de gas natural licuado para buques porta-contedores no estaleiro Jiangnan Shipyard, en Xangai. Nos oito primeiros meses deste ano, a alimentación e as bebidas supuxeron o 39% do total das vendas galegas a este país, destino ao que en 2018 exportaron máis de 440 empresas da nosa comunidade.

Xangai (China), 11 de novembro de 2018.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración da Cámara de Comercio da Coruña, vén de pechar a misión comercial a China encabezada polo director do Igape, Juan Cividanes, quen a pasada semana acompañou a unha delegación formada polas empresas da agroalimentación galega Pescanova, Albo, Lanzal, Estrella Galicia, Vinigalicia, Feiraco-Clun, Leche Río, Galmesano e Coren.

En Xangai, a delegación participou na Feira Internacional de Importación, evento de referencia a nivel mundial onde se deron cita este ano máis de 2800 empresas de 170 países e no que a industria da alimentación e as bebidas ten un papel destacado. Na xornada do pasado mércores celebrouse o Día de Galicia, a única comunidade autónoma que contou cun espazo expositivo propio no que se presentaron produtos como conservas de peixe e mariscos, lácteos, carne e bebidas.  

A presenza galega nesta feira buscou consolidar as oportunidades de negocio xa abertas no país asiático e crear novas alianzas, ademais de intensificar a posición dos produtos agroalimentarios no mercado asiático. China foi en 2018 o segundo destino en Asia das exportacións galegas, acadando nos oito primeiros meses de 2019 os 170 millóns de euros en vendas, o que supón un incremento de máis dun 26% con respecto ao mesmo período do ano anterior.

O país asiático é o quinto país fóra da Unión Europea ao que máis venden as empresas de Galicia en xeral e a ese destino 443 empresas galegas exportaron o pasado ano, das que 142 foron regulares, é dicir, comercializaron produtos en China nos últimos catro anos. En canto á agroalimentación, cabe destacar a boa evolución das exportacións de xaneiro a agosto deste ano, cun incremento do 82,7% e un volume total de 66,38 millóns de euros de vendas. As exportacións deste sector supoñen o 39% do total con este país neste período.

O número de empresas galegas que venden alimentos e bebidas a China incrementouse un 7% nos dous últimos anos. Xa en 2019 representa o quinto destino das exportacións do sector, subindo tres postos con respecto ao ano anterior. Galicia é a oitava comunidade autónoma que máis exporta ao país asiático, con case un 5% do total das vendas españolas.

O apoio da Xunta á presenza da agroalimentación galega na segunda Feira Internacional de Importación de China tamén ten como obxectivo apoiar ás empresas que queren abrirse paso nos mercados asiáticos. Con este fin, a través do plan Foexga e do programa Sinerxía, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración coa Cámara de Comercio da Coruña, impulsa outra misión multisectorial tamén en China e ademais en Taiwán, coa que outras oito compañías galegas están a buscar novas vías de investimento e colaboración ata o 21 deste mes.

Construción da empresa galega Gabadi nun estaleiro de Xangai

Durante a misión, representantes do Igape visitaron o estaleiro Jiangnan Shipyard, en Xangai, un dos máis importantes do mundo, onde a empresa galega de desenvolvemento de proxectos navais Gabadi está a construír catro tanques de contención de gas natural licuado para buques porta-contedores, un proxecto de especial relevancia pola súa envergadura e polo desafío que supón unha construción destas características.

Desde o Igape apoiouse activamente á empresa Gabadi para a consecución deste encarga de fabricación, que está a ser executada desde o pasado mes de xaneiro por un equipo de máis de 80 traballadores da empresa naronesa, e que está formado por uns 65 desprazados permanentes e 10 técnicos que cooperan en momentos puntuais da obra de orixe galegos, así como algúns traballadores especialistas doutros países como Francia ou Portugal.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios