Mércores, 13 Febreiro 2013 00:00

Conde salienta o valor da cooperación dos galegos no exterior para identificar novos mercados

O conselleiro de Economía e Industria salienta nun encontro da Rede de Asociacións de Empresarios de Orixe Galego no Exterior o seu papel fundamental para “aproveitar o potencial exportador galego, xerar confianza e atraer investimento estranxeiro”. Asegura que o Goberno galego seguirá apostando por “máis internacionalización, máis innovación e máis competitividade”. Sinala que “buscamos de forma activa que novos proxectos recoñezan na marca Galicia unha excelente oportunidade de inversión”.

Santiago, 13 de febreiro de 2013.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe a importancia da colaboración cos empresarios galegos no exterior para facilitar a internacionalización das empresas galegas, identificar novos mercados e contribuír tamén á atracción de inversión estranxeira directa cara Galicia.
 
Nun encontro coa Rede de Asociacións de Empresarios de Orixe Galego no Exterior, da que forman parte trece asociacións de distintos puntos de España, Europa e América que agrupan a máis de 1.500 empresas, Conde salientou que “mediante a cooperación e a colaboración directa, esta Rede pode e debe ser clave na xeración de confianza e no aproveitamento do potencial exportador galego”, así como na busca, de forma activa, “de novos proxectos que recoñezan na marca Galicia unha excelente oportunidade de investimento”.
 
Neste sentido, o conselleiro, que estivo acompañado polo secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, salientou as posibilidades que ofrece esta Rede, que conta co apoio do Igape, achegando información e asesoramento ás empresas galegas e buscando sinerxias que beneficien os proxectos de busca de novos mercados.
 
O conselleiro espuxo as principais fortalezas coas que conta Galicia e que convén ter en conta á hora de investir, como o control do déficit público durante os últimos tres anos, que ten permitido que sexa a comunidade máis solvente e ter menos débeda que o conxunto de España.
 
Neste contexto, Francisco Conde asegurou que a Xunta “seguirá apostando por máis internacionalización, máis innovación e máis competitividade”, e recordou que as partidas para apoiar ás empresas na súa busca de novos mercados se incrementan este ano un 10%, alcanzando os 20 millóns de euros.
 
Ademais, asegurou que os esforzos da Xunta non se limitan a “unha importante e decidida achega orzamentaria”, senón que se está a traballar desde a diplomacia internacional, que ten dado resultados como o acordo estratéxico coa petroleira Pemex. “Ese é o modelo que queremos seguir, contando co voso apoio, que é fundamental e necesario, e que confiamos en poder ampliar a outros sectores e países”.
 
O conselleiro lembrou tamén que para asesorar ás empresas na súa apertura a novos mercados a Xunta conta con ferramentas como o Servizo de Licitacións Internacionais (SALT) ou a Rede Pexga, posta en marcha en colaboración coa Confederación de Empresarios de Galicia, que inclúe 14 plataformas empresariais en ubicacións prioritarias para o tecido empresarial galego a través das cales se prestaron xa máis de 7.000 servizos.
 
Conde, que recordou que en 2012 máis de 5.700 empresas galegas tiveron parte do seu negocio no estranxeiro, segundo datos de novembro, sinalou que coa Rede Pexga se ten conseguido xa alcanzar o compromiso de 700 novas empresas exportadoras desde a súa creación.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios