Mércores, 20 Marzo 2013 00:00

Conde aposta por potenciar a excelencia dos clúster como “pancas para a dinamización da economía”

O conselleiro de Economía e Industria adianta que se vai crear un Rexistro Galego de Clúster co obxectivo de identificar, ordenar e optimizar os recursos dispoñibles. Poñerase en marcha unha liña específica de apoio a estas agrupacións dotada con 4,2 millóns de euros para o desenvolvemento de plans estratéxicos para o período 2013-2015. Asegura que os clúster están chamados a configurar "un dos principais eixos no que desenvolver proxectos innovadores", así como acelerar a mellora da competitividade e a internacionalización.

 

Santiago, 20 de marzo de 2013.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou esta mañá nun encontro de traballo con xerentes dos principais clúster de Galicia a importancia destas agrupacións como "pancas para a dinamización da economía galega", remarcando a cooperación como clave para "avanzar e impulsar melloras nos distintos sectores produtivos dun xeito máis áxil e eficiente".

O conselleiro asegurou que os clúster "están chamados a configurar un dos principais eixos no que desenvolver proxectos innovadores e servir de aceleradores para a mellora da competitividade", así como unha "plataforma para a internacionalización" do tecido empresarial.

Neste sentido, Conde destacou que a Xunta está a reforzar a política de clúster, contemplados como recursos fundamentais na Lei de Política Industrial de Galicia. O conselleiro anunciou unha nova liña de apoio específica, dotada con 4,2 millóns de euros, coa que se facilitará o desenvolvemento de plans estratéxicos para o período 2013-2015, potenciando a capacidade dos clúster para que multipliquen os proxectos cooperativos entre empresas.

O conselleiro sinalou que tamén se está a traballar na definición do concepto de clúster, co reto de trazar unha folla de ruta que reflicta os pasos que hai que dar para a consolidación destas entidades, e informou de que se creará un Rexistro Galego de Clúster para identificar, ordenar e optimizar os recursos dispoñibles.

"Buscamos o impulso da excelencia dos clúster, que redundará en beneficio da economía galega", incidiu Conde, quen asegurou que o obxectivo é mellorar e incrementar a fortaleza destas agrupacións, aglutinando a un maior número de empresas, apostando pola súa eficiencia e dinamismo, e o seu potencial de internacionalización e innovación, aproveitando a súa vinculación con centros tecnolóxicos punteiros. Ademais, resaltou a súa importancia como interlocutores para trasladar os intereses e necesidades dos distintos sectores ante a a administración e o resto da sociedade.

Conde, que remarcou que os clúster aglutinan arredor dun terzo do PIB global de Galicia, suman máis de 26.000 millóns de euros de volume de negocio no seu conxunto e representan máis da metade das exportacións da comunidade, asegurou que a aposta da Xunta por potenciar estas asociacións vai en sintonía coa Estratexia 2020 da Unión Europea. Baseada nun modelo de crecemento intelixente, sostible e innovador, nesta estratexia os clúster están chamados a ser o vehículo axeitado para procurar que a innovación chegue ás pequenas e medianas empresas.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios