Mércores, 10 Abril 2013 00:00

A Xunta resalta no Comité das Rexións a aposta pola innovación como clave do futuro da automoción

O director xeral do Igape participou hoxe en Bruxelas nunha mesa redonda no marco da reunión do Grupo Interrexional do Automóvil (GIA). Aguilera Navarro destacou a importancia do sector en Galicia e o impulso do Goberno galego á mellora competitiva, a eficiencia e a electromobilidade.

Bruxelas, 10 de abril de 2013.- O director xeral do Igape, Javier Aguilera, participou hoxe en Bruxelas na reunión do Grupo Interrexional do Automóbil (GIA) do Comité das Rexións, onde defendeu a aposta pola innovación como clave para o futuro do sector da automoción en Galicia, que constitúe, segundo dixo, un exemplo da mellor  coordinación entre as industrias tractoras, os fabricantes de compoñentes, os centros tecnolóxicos e a Administración.
 
Durante a súa participación nunha mesa redonda con representantes de rexións de Austria e Francia, potentes como Galicia no eido da automoción, e con directivos de Nissan, de IBIL e de Renault, Javier Aguilera estimou necesario, de cara ao horizonte 2020, manter como obxectivos o apoio á mellora competitiva das pemes e a ecoeficiencia, así como unha política de colaboración, a través de clústers excelentes, centrada na innovación para acadar a competitividade global e a internacionalización.
 
O director do Igape lembrou que o sector da automoción galego pasou de 38 empresas, con menos de 6.000 empregos e unha facturación de 1.100 millóns de euros en 1997, a concentrar na actualidade 90 compañías que empregan a máis de 19.000 traballadores, que facturan 7.000 millóns de euros e que teñen achegas altamente significativas ao PIB e ás exportacións de Galicia.
 
Aguilera Navarro salientou o respaldo firme do Goberno galego á fabricación de vehículos máis lixeiros, seguros e eficientes. Así, referiuse ás iniciativas da Xunta para facilitar a electromobilidade, así como os apoios para o desenvolvemento do plan de competitividade que está a impulsar Ceaga ou para a fabricación en Galicia dos vehículos industriais eléctricos que vén de presentar PSA Citroën en Vigo.
 
O Grupo Interrexional do Automóbil (GIA) do Comité das Rexións constituíuse para  deseñar estratexias coordinadas a nivel rexional e para transmitir ás institucións europeas as necesidades do sector en Europa. Desde 2009, Galicia forma parte do GIA, que na actualidade preside o presidente da Junta de Castilla e León, mentres que o presidente da Xunta mantén a vicepresidencia desde os seus inicios.
 
Desde 2010, o GIA participa nas reunións do foro de consulta do sector automobilístico europeo (CARS 21) que a Comisión Europea impulsou en 2005 como parte da súa política industrial. O CARS 21 ten como obxectivo  formular recomendacións  a curto, medio e longo prazo para o desenvolvemento  de políticas públicas con respecto á automoción en Europa, onde ten importancia estratéxica. Este proceso foi relanzado en 2010 para adaptalo ao novo marco comunitario, a Estratexia Europea 2020 e a estratexia europea  sobre vehículos limpos e enerxeticamente eficientes.
 
En base ás recomendacións do grupo CARS 21, a Comisión lanzou a finais do pasado ano un Plan de Accións CARS 2020 con obxectivos  a longo prazo para garantir a competitividade e a sostibilidade do sector, cunha folla de ruta de política industrial para o sector do automóbil en 2020.
 
Este é un Plan de Acción que se articula en catro piares: fomento do investimento e innovación e investigación, mellora das condicións do mercado interior; incremento da competitividade do sector no mercado global; e promoción do investimento en formación. As comunidades con alto potencial neste sector, como Galicia, participan no foro CARS 20 a través do grupo GIA no que estivo hoxe o director do Igape, cuxa participación contou co respaldo da Fundación Galicia Europa en Bruxelas.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios