Venres, 19 Abril 2013 00:00

A Xunta busca en Uruguai novas alianzas comerciais para os sectores produtivos galegos

O director do Igape, Javier Aguilera, inicia en Montevideo unha viaxe institucional na que manterá diversos encontros con empresarios do país na procura de investimentos e acordos para as empresas galegas. O obxectivo é ampliar as posibilidades de mercado dun país que ten rexistrado un incremento das exportacións galegas de case un 70% nos últimos catro anos.

Montevideo, 19 de abril de 2013.- O director do Igape, Javier Aguilera, vén de iniciar unha viaxe institucional a Uruguai que ten como obxectivo ampliar e mellorar as posibilidades de negocio das empresas galegas no país. Non en van, Uruguai configúrase como un mercado de crecente interese para o tecido empresarial galego, tanto polo seu potencial de crecemento ­–o seu PIB medrou case un 4% en 2012– como polas oportunidades de negocio que ofrece en sectores como a construción, o naval ou a alimentación.

Esta aposta polo mercado uruguaio englóbase na estratexia de internacionalización promovida pola Xunta de Galicia. Así, o Goberno galego, a través de distintas iniciativas como a Rede Pexga ou o Plan Primex, está a fomentar tanto a implantación de empresas galegas no país suramericano como o reforzo dos vínculos comerciais. De feito, preto de 350 empresas da Comunidade exportaron a Uruguai no 2012, rexistrándose transaccións por valor de case 20 millóns de euros, o que supón un incremento próximo ao 70% con respecto ao 2009.

Neste contexto, empresas como Espina Obras Hidráulicas, San José, Iceacsa, Zara ou Blusens están implantadas en Uruguay podendo actuar como aliadas para que outras empresas galegas accedan a ese mercado. De feito, Espina Obras Hidráulicas ten conseguido varios contratos neste país contando co apoio do Servizo de Licitacións Internacionais impulsado pola Xunta de Galicia, en colaboración coa CEG, no marco da rede Pexga. E tamén empresas auxiliares do sector naval, integradas no consorcio Galictio, están a construír barcazas en Uruguay.

Sobre esta base, a viaxe do director do Igape permite afondar nas posibilidades de negocio e buscar novas alianzas comerciais. Para ilo, Aguilera Navarro ten programados distintos encontros empresariais, comezando polo xa mantido coa Asociación de Empresarios Galegos de Uruguai, que conta con 300 socios no país. No mesmo, o responsable do Igape resaltou o espírito emprendedor dos galegos espallados polo mundo e animou aos presentes a actuar como verdadeiras embaixadas comerciais ao servizo das alianzas e negocios internacionais promovidos polos empresarios de orixe galega, xa sexa desde Uruguai ou desde Galicia.

Neste sentido, lembrou que a Consellería de Economía e Industria está a reforzar a alianza coas asociacións de empresarios galegos no exterior, favorecendo tanto o incremento das exportacións galegas como a captación de investimentos cara a Galicia, xa sexa a través de empresarios de orixe galega ou de empresarios nativos dos países onde se asentaron.

Durante estes días, Javier Aguilera reunirase con importantes empresarios dedicados á transformación de produtos agroalimentarios e do mar, de produción de plásticos, da construción, da hostalaría ou de transportes, sempre co obxectivo de abrir posibilidades de alianza ou cooperación con empresas galegas. Ademais, ten na súa axenda un encontro co director xeral da secretaria de Estado do Ministerio de Asuntos Exteriores de Uruguai, Gonzalo Koncke, que foi cónsul dese Estado en Galicia.

O director do Igape tamén prevé reunirse co embaixador de España en Uruguai, o ex conselleiro de Cultura Roberto Varela, e co conselleiro comercial da Oficina Comercial Española, Antonio Sánchez Bustamante. Ademais, manterá un encontro de traballo co director do Instituto de Promoción de Inversiones y Exportaciones de Bienes y Servicios (Uruguai XXI), a axencia de desenvolvemento equivalente ao Instituto de Comercio Exterior de España.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios