Luns, 13 Mai 2013 00:00

O Plan Ferrol dispón de case 46 millóns de euros en préstamos para apoiar investimentos na comarca

O director xeral do Igape, Javier Aguilera, presentou xunto co director xeral de Industria y de la Pyme, Manuel Valle, a nova convocatoria do Reindus. Os préstamos deste programa poden financiar ata o 80% dos investimentos, no caso das pemes con proxectos innovadores, e incrementan a 18 meses o período para a execución. Aguilera destacou Ferrol, Eume e Ortegal como unha área privilexiada para a posta en marcha de iniciativas empresariais.

Ferrol, 13 de maio de 2013.- O director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, Javier Aguilera, salientou hoxe as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal como unha área privilexiada para o investimento empresarial. Foi durante a presentación, xunto co director xeral de Industria y de la Pequeña y Mediana Empresa, Manuel Valle, da nova convocatoria do Reindus, dotada con 45,7 millóns de euros.

Os préstamos do programa do Ministerio de Industria, Energía y Turismo, xestionado en colaboración coa Consellería de Economía e Industria, poden financiar ata o 80% dos investimentos, no caso das pemes con proxectos innovadores en actividades como nanotecnoloxía, biotecnoloxía, materiais avanzados ou determinados ámbitos da actividade industrial.

Ademais, increméntase de 12 a 18 meses o período para a execución dos investimentos financiados a través deste programa. O prazo de amortización é de ata 10 anos, incluíndo tres anos de carencia inicial. As solicitudes pódense presentar de forma telemática e a través da web do Ministerio ata o vindeiro 13 de xuño.

Na súa intervención, o director do Igape anunciou a próxima convocatoria de diferentes liñas de axuda do Instituto que manterán a estas comarcas como unha contorna cun marco de apoio privilexiado para as actividades empresariais en xeral e, especialmente, para os novos investimentos, que se sumarán a programas xa activos como o ReAcciona.

Ademais de subvencións mínimas garantidas dun 25% para proxectos de emprendedores e do 20% para grandes investimentos en Ferrolterra que supoñan primeiras implantacións en Galicia, os proxectos de internacionalización disporán dun 5% máis de axudas e os de mellora competitiva tamén terán preferencia con respecto aos doutros territorios.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios