Luns, 02 Decembro 2013 18:30

O Igape destaca a especialización do capital humano como base para a competitividade e a internacionalización empresarial

O director do instituto adscrito á Consellería de Economía e Industria, Javier Aguilera, participa na apertura dos cursos promovidos en colaboración coa Escuela de Organización Industrial, que facilitarán a formación especializada de 200 empresarios, xestores, técnicos e emprendedores en materias como a consolidación e a internacionalización de novos proxectos.

 

Santiago, 02 de decembro de 2013.- O director xeral do Igape, Javier Aguilera, salientou hoxe a importancia de que as empresas dispoñan de directivos, xestores ou técnicos altamente cualificados como base para consolidar a competitividade e a internacionalización do tecido produtivo e para asentar unha nova etapa de crecemento.

Durante a súa intervención na sesión inaugural dos cursos que promove a Consellería de Economía e Industria en colaboración coa Escuela de Organización Industrial, Aguilera Navarro salientou que servirán para achegar formación especializada a 200 emprendedores, empresarios ou técnicos, que se sumarán aos representantes das 74 empresas que recibiron formación especializada en internacionalización durante o cursos 2012-2013.

No curso de creación de empresas que comezou hoxe participan 25 emprendedores ou xestores de empresas de recente creación que desexan poñer en marcha ou consolidar os seus proxectos coa incorporación de novos coñecementos, habilidades de xestión ou estímulos en ámbitos de innovación e creatividade. O curso, cunha duración aproximada de catro meses, consta de 100 horas lectivas, e incorpora ademais sesións de titoría personalizada para os alumnos.

O curso Emprendex, que tamén comezou hoxe, formará a 30 emprendedores para impulsar novas empresas orientadas cara á internacionalización ou para reforzar e consolidar a vocación exterior de empresas xa existentes. A duración deste curso será de 186 horas, incluíndo polo menos vinte de titoría.

O curso de Licitacións internacionais e organismos intermedios reunirá, por outra parte, a 24 empresarios que aprenderán a iniciar ou consolidar a internacionalización dos seus proxectos explorando as oportunidades vinculadas ao mercado público internacional, co obxectivo de participar nas licitacións dos organismos multilaterais. Neste caso, a duración será de 205 horas, incluíndo once de titorías.

A estes tres cursos empresariais, que se desenvolveran en Santiago, sumaranse en datas próximas outros cinco centrados na xestión internacional da empresa, que se celebrarán nas cidades da Coruña, Lugo, Vigo, Pontevedra en Santiago.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios