Luns, 17 Marzo 2014 15:17

O Igape achega aos clusters ferramentas que facilitan a diversificación do negocio das empresas galegas

Representantes de doce clusters galegos aprenden metodoloxías validadas pola Comisión Europea, que serán aplicadas na procura de novos nichos de negocio en empresas galegas con potencial para diversificar a súa actividade. Galicia está a ser pioneira na aplicación deste tipo de ferramentas que facilitan a análise das cadeas de valor e a identificación de novas oportunidades.

 

Santiago, 17 de marzo de 2013.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, está a achegar aos xerentes e técnicos dos clusters galegos metodoloxías e titoría especializada para avanzar na súa diversificación e procura de novos nichos de negocio. Neste sentido, o director do Igape, Javier Aguilera, participou está mañá na apertura dun curso específico impartido en Santiago e que conta coa participación de representantes de doce clusters e de bolseiros do programa ReAcciona.

Aguilera Navarro salientou o esforzo que está a facer a Xunta, a través do Igape, para facilitar a mellora da competitividade das empresas galegas valéndose dos clusters que destacan polos seus avances no camiño cara a excelencia, como as pancas máis axeitadas para progresar na mellora da xestión e na internacionalización do tecido produtivo.

O curso, promovido polo Igape no marco do programa comunitario ATC4 Excellence, está impartido por un titor experto formado especificamente para facilitar o acceso das empresas galegas, a través dos seus clusters, ás metodoloxías validadas pola Comisión Europea.

Unha vez máis, Galicia está a ser pioneira na aplicación destas ferramentas. De feito, este é o terceiro curso que se está a desenvolver en Europa sobre nesta materia, logo dos impartidos en Alemaña e Turquía.

Na parte teórica deste curso, que continuará durante a semana próxima, os representantes dos clústers participantes poderán coñecer casos de estudo referidos a diversos sectores e países, desenvolvidos pola Harvard Business School e pola European Foundation of Cluster Excellence. A continuación, e ata fin de ano, os clusters desenvolverán o traballo de análise e avaliación das empresas para coñecer as posibilidades de mellora e diversificación dos seus modelos de negocio. Nesta fase, os clusters seguirán a contar co apoio do titor experto e, nalgúns casos, coa colaboración dos bolseiros ReAcciona asignados ao efecto.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios