Martes, 08 Xullo 2014 12:19

O Igape impulsa a competitividade de preto de 150 Pemes galegas apoiando investimentos tecnolóxicos por 10 millóns de euros

O director do Instituto, Javier Aguilera, destaca que se duplican as axudas concedidas no programa para a modernización de equipamentos no sector servizos. Os proxectos apoiados permitirán a creación ou mantemento de máis de 1.700 postos de traballo en áreas de actividade como a as TIC e a informática, a enxeñaría, o turismo ou o medio ambiente. Ao abeiro da nova Lei do Emprendemento prímanse os proxectos de empresas de menos de 42 meses en funcionamento, unha de cada catro beneficiarias.

 

Santiago, 8 de xullo de 2014.- O director do Igape, Javier Aguilera, salientou hoxe que os apoios concedidos ao abeiro do programa para impulsar a competitividade das pemes galegas do sector servizos mediante a modernización dos equipamentos tecnolóxicos mobilizarán 10 millóns de euros en proxectos de preto de 150 empresas, e permitirán a creación ou o mantemento de máis de 1.700 postos de traballo.

Aguilera destacou que as axudas aprobadas, un total de 4,7 millóns de euros, duplican as concedidas o ano anterior. Subliñou así mesmo que por primeira vez neste programa, no ámbito da nova Lei do Emprendemento, primáronse os proxectos desenvolvidos por empresas novas de ata 42 meses de funcionamento, unha de cada catro beneficiarias.

Tal e como informou Javier Aguilera, estes apoios, cos que se impulsan proxectos con investimentos subvencionables entre 30.000€ e 200.000 euros, están especialmente dirixidos a empresas con vocación de crecemento e capacidade de modernizarse como medios para aumentar a súa competitividade. Ao mesmo tempo, o programa ten como finalidade contribuír ao crecemento sustentable e, en consecuencia, favorecer o emprego, con especial incidencia persoas que pertenzan a colectivos de difícil inserción, e a xeración de riqueza.

Os proxectos que veñen de ser aprobados impulsarán a modernización e mellora competitiva de pequenas e medianas empresas do sector servizos que abranguen áreas de actividade como as TIC e a informática, a enxeñaría, o turismo ou o medio ambiente.

O director do Igape informou así mesmo que, tamén co obxectivo de impulsar a capacidade de modernización das pemes galegas, veñen de concederse apoios por máis de 400.000 euros para a organización de 48 encontros ou xornadas técnicas destinadas á transmisión de técnicas, ferramentas e boas prácticas nos ámbitos da mellora da competitividade, do emprendemento ou da internacionalización.

Galicia 1.000
Aguilera Navarro lembrou, por outra banda, que a Consellería de Economía e Industria vén de activar, a través do programa Galicia 1000, novos programas para apoiar o financiamento dos investimentos das pemes, entre os que destacou a liña de préstamos Jeremie, dotada inicialmente con 8 millóns de euros que permitirán mobilizar 15 millóns, e os préstamos participativos de Xesgalicia.

O director do Igape tamén citou, igualmente no ámbito do Galicia 1000, que se manteñen activos os programas de microcréditos e préstamos bancarios fornecidos con fondos ICO e con xuros bonificados polo Igape para facilitar os investimentos das microempresas e das pemes galegas.

No seu conxunto, Galicia 1000 suma unhas achegas de 50 millóns de euros para atender as necesidades operativas das empresas en función da súa situación económica e financeira, cos que o Goberno galego prevé mobilizar arredor de 200 millóns de euros no tecido empresarial.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios