Actualidade

O DOG vén de publicar a resolución da última convocatoria desta iniciativa, que a Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa a través do Igape. A liña de axudas facilita a xeración de solucións tecnolóxicas e formas de colaboración para a posta en marcha de ferramentas dixitais. Enmárcase dentro da nova Axenda 4.0, coa que Galicia aspira a crear 13.500 novos empregos industriais.

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución da convocatoria de 2019 do programa Galicia Exporta Organismos Intermedios, que impulsa os plans de internacionalización xestionados por 35 agrupacións empresariais. Prevese a participación de 479 empresas nas actividades realizadas en 36 países, cun aumento do apoio en destinos non europeos do 8%. O importe total das axudas é de 1,88 millóns de euros, incrementándose nun 25% con respecto á anterior edición, mentres que o número de actuacións sobe un 42%. A alimentación, o naval, o audiovisual, as TIC, a automoción e o téxtil son algúns dos sectores apoiados por estas actuacións, que inclúen misións comerciais ou a cooperación para a implantación e prospección de mercados. Este programa compleméntase co Galicia Exporta Empresas, enmarcado tamén na Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, que impulsa as exportacións como motor de emprego e crecemento empresarial.

O director do Igape, Juan Cividanes, abriu hoxe en Santiago de Compostela unha xornada informativa sobre os Centros de Fabricación Avanzada. Avaliáronse os resultados da consulta que fixo a Xunta ao tecido empresarial galego sobre a activación dunha liña de axudas para promover a xeración de infraestruturas abertas de desenvolvemento e produción industrial. Empresas e outros axentes económicos presentaron 26 proxectos cun investimento total que supera os 120 M€. A Consellería de Economía, Emprego e Industria está a definir o programa dos Centros de Fabricación Avanzada, ao que se prevé destinar 16 millóns de euros para executar ata 2022 a través da Axenda Industria 4.0. Como parte das solucións da fábrica intelixente que propón esta folla de ruta para os vindeiros anos, esta iniciativa permitirá validar recursos de tecnoloxías dixitais ‘made in Galicia’ en sectores concretos. O novo plan de apoios primará a inclusión das fábricas compartidas nos Hubs de innovación dixital apoiados polo Goberno galego.

A Xunta destinará 350 millóns de euros en catro anos a esta folla de ruta co obxectivo de anticiparse aos cambios, aumentar o tamaño das empresas, favorecer o talento dixital e a reinvención da industria. Este ano e o que vén prevese o reforzo dos programas xa en funcionamento e a posta en marcha de novas liñas de actuación que faciliten a transformación dixital, co desenvolvemento de servizos, solucións, ferramentas de colaboración e financiamento 4.0 para as pemes galegas. Entre outras iniciativas, poñeranse en marcha os Centros de Fabricación Avanzada, para validar recursos de tecnoloxías dixitais ‘made in Galicia’ en sectores industriais concretos; e un programa para impulsar o desenvolvemento de provedores de maquinaria industrial. Tamén se activará un plan integral de financiamento para investimentos en tecnoloxías emerxentes e desenvolveranse os Hubs de innovación dixital. A nova Axenda levarase á Mesa do Diálogo Social, na que participan representantes empresariais e sindicatos. Desde o lanzamento do plan en 2015 mobilizáronse máis de 935 millóns de euros, chegando a case 9000 empresas.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, asistiu hoxe en Monforte á presentación das iniciativas emprendedoras desenvoltas na aceleradora na que colaboran Xunta e Escola de Organización Industrial (EOI). Os novos empresarios escolleron ámbitos de actividade como servizos formativos e culturais, o deseño, o turismo activo ou a agroalimentación sostible, entre outros. Os participantes contaron con asesoramento especializado e titoría personalizada en Expolemos, onde se levan acelerados 79 plans empresariais, dos que 28 xa están en marcha, con 50 postos de traballo vinculados.