Actualidade

O obxectivo é facilitar a reactivación do tecido empresarial e que se poida adaptar á actual situación derivada do Covid-19. Dedícanse 6,5M€ á dixitalización das pemes, 4M€ a facilitar o teletraballo; e 3M€ ao impulso da dixitalización no rural e na economía social. Impúlsase con preto de 4 millóns de euros a modernización e a innovación no comercio de proximidade, que pode obter axudas para novas canles e fórmulas de comercialización e adaptar os seus establecementos. As pequenas e medianas empresas contarán con 6M€ para impulsar a súa internacionalización dixital.

O novo programa, con apoios de ata 800.000 euros, promoverá a produción en Galicia de medicamentos, tratamentos, test de diagnóstico e equipos hospitalarios e médicos. Súmase á convocatoria aberta por 2,5M€ para impulsar a reorganización produtiva de pequenas e medianas empresas para facer fronte á emerxencia sanitaria, unha liña de apoios da que xa se concederon axudas para os primeiros 14 proxectos.

O Comité de fabricación de equipamento sanitario e de material para a protección dos traballadores avaliou o pasado luns estes proxectos aos que a Xunta achega ao redor do 70 por cento, preto de 750.000 euros. Catro destes proxectos van dirixidos á fabricación de máscaras, o que permitirá dispoñer en Galicia de 300.000 unidades diarias. Vanse fabricar, tamén, pantallas protectoras, mamparas, xeles e solucións desinfectantes, biocidas ou sistemas de control de temperatura, entre outros. Trátase das primeiras iniciativas que aprobadas a través da liña de financiamento de 2,5 millóns de euros que o Goberno galego puxo en marcha para apoiar ás empresas que queiran colaborar na fabricación deste material. Conde resalta que Galicia está demostrando que ten capacidade para aprovisionarse grazas ao saber facer da industria galega e ao compromiso de todo o tecido empresarial.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, indica que a Administración autonómica "tomou a iniciativa" para que as familias poidan dispoñer de liquidez mentres non reciben as prestacións do Estado. O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar os apoios, que permitirán recibir de forma inmediata 1500 euros, cun tope mensual de 750 euros, mediante un convenio acordado coas entidades financeiras. Os adiantos están libres de xuros e comisións.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe esta iniciativa que permitirá a reorganización produtiva urxente das empresas galegas para facer fronte á emerxencia sanitaria. O Goberno galego destina 2,5 millóns de euros para impulsar a produción na Comunidade de material sanitario, equipos de protección individual, probas de diagnose, ventiladores e desinfectantes, e os proxectos serán avaliados polo Comité de fabricación de equipamento sanitario. As axudas, de ata 100.000 euros, cubrirán o 75% dos investimentos e gastos que realicen as pemes para adaptar a súa produción.