Actualidade

O Goberno galego destina preto de 6 millóns en novas axudas para apoiar proxectos de dixitalización do tecido empresarial e impulsar a formación na Industria 4.0 de 1.000 traballadores e mandos intermedios. En 2018 levaranse a cabo catro convocatorias para facilitar proxectos dixitais, nos que terán prioridade as iniciativas colectivas formadas por grupos de empresas. Con estas medidas a Consellería de Economía, Emprego e Industria, favorece os investimentos e a especialización en ámbitos como a robótica, o big data, vehículos autónomos, Internet das cousas ou ciberseguridade.

As axudas poden cubrir ata o 30% de proxectos comprendidos entre os 50.000 e os 900.000 euros. As empresas beneficiarias poderán investir en maquinaria e bens de equipo para ampliar, modernizar ou diversificar a actividade produtiva, así como en obra civil, no caso dos proxectos xeradores de emprego. Este programa de axudas pode complementar os novos instrumentos financeiros innovadores activados pola Xunta para facilitar investimentos tecnolóxicos, no ámbito da Industria 4.0.

Mediante liñas específicas dotadas con 6,5 millóns de euros o Igape apoiará proxectos particulares de empresas ou proxectos colectivos coordinados por organismos intermedios empresariais. O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o próximo 21 de febreiro. Esta iniciativa, con axudas cofinanciadas con fondos Feder que cobren ata o 80% dos gastos, reforza a Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020 e a axenda estratéxica Horizonte 2020 da UE para facer das exportacións un motor de emprego e crecemento empresarial. As exportacións galegas medraron máis do 8 por cento no que vai de ano, logo do récord histórico acadado en 2016, ao superar os 20.000 millóns de euros.

O director do Igape, Juan Cividanes, participou hoxe en Viana do Castelo no II Encontro dos investidores da diáspora, onde destacou a firme aposta por atraer cara a Galicia, mediante instrumentos como a Lei de implantación empresarial, novos investimentos innovadores para xerar emprego de calidade. Cividanes subliña que Portugal é un dos principais socios comerciais da Comunidade galega, o segundo mercado tanto en importacións como en exportacións, só por detrás de Francia. Salienta a importancia da colaboración de todos os axentes potenciais, tanto institucionais como empresariais, dentro e fóra de Galicia, para xerar actividade económica e para incrementar as exportacións en mercados de todo o mundo.

 

O director do Igape, Juan Cividanes, destaca na tribuna organizada por Ageinco o compromiso da Xunta por avanzar neste ámbito mediante o desenvolvemento da Axenda-Industria 4.0. con accións que xa beneficiaron a 4.200 compañías. Indica que a Administración galega potencia a transformación da industria galega cara á extensión da fábrica intelixente e conectada. Sinala que os orzamentos do Igape soben nun 18% para 2018 e subliña a activación dos novos IFIs para apoiar investimentos no ámbito 4.0 e no emprendemento innovador.