O prazo de presentación finalizou o 30/04/2014

IG107 - GALICIA EMPRENDE - PROXECTOS DE CREACIÓN DE EMPRESAS OU REALIZACIÓN DE INVESTIMENTOS EN EMPRESAS NOVAS PROMOVIDAS POR NOVOS EMPRENDEDORES (2014)

Finalidade / Obxectivo

Fomentar a aparición de proxectos de creación de pequenas e medianas empresas ou de realización de investimentos en pequenas e medianas empresas novas promovidas por novos emprendedores para a ampliación do seu novo establecemento.

Tipos de apoio

Subvención a fondo perdido en réxime de concorrencia non competitiva.

Beneficiarios potenciais

As pequenas e medianas empresas, nas que non concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei de xuño, de subvencións de Galicia e cumpran as seguintes condicións:

1.- Composición do capital, no caso de sociedades mercantís:

a. O seu capital terá que atoparse maioritariamente participado pola suma das participacións de persoas físicas que non estean acometendo outras actividades económicas por conta propia á data de presentación da solicitude e das achegas de entidades de capital risco e investidores privados adscritos a unha rede asimilable ás coñecidas como redes de business-angels. Cando se observase que se produce continuidade empresarial, por baixa recente (antigüidade menor a un ano) nunha actividade que é igual ou similar á que se propón como nova, ou por razóns que permiten concluír unha continuidade de empresa preexistente, poderase denegar motivadamente a axuda.

b. A participación no capital da empresa de persoas, físicas ou xurídicas, que si estean desenvolvendo outras actividades económicas na data de solicitude, non poderá exceder conxuntamente o 49%. Polo menos unha das persoas físicas cunha participación superior ao 20% no capital e sen outra actividade económica por conta propia á data de solicitude, deberá ter unha dedicación plena ao proxecto, e non poderá desempeñar outra actividade por conta allea desde a alta de actividade da nova empresa (ou no caso de contar con alta de actividade no momento da solicitude de axuda desde o día da dita solicitude) e ata o fin do período de execución do proxecto.

2.- Antigüidade na actividade empresarial:

i) No caso de autónomos a data de alta censual non poderá ter unha antigüidade superior a 42 meses no momento da solicitude de axuda e deberá ter unha dedicación plena ao proxecto, e non desempeñar outra actividade por conta propia ou allea desde a alta de actividade (ou no caso de contar con alta de actividade no momento da solicitude de axuda desde o día da dita solicitude).

ii) No caso de sociedades, tanto a súa data de constitución como a súa data de alta censual non poderán ter unha antigüidade superior a 42 meses no momento da solicitude de axuda.

3.- Contribución financeira exenta de axudas públicas:

Os beneficiarios deberán achegar para o proxecto de investimento unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de polo menos un 25% do seu importe, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo.

Sectores incentivables

1.- Están excluídas das axudas as seguintes actividades:

a) As actividades de produción primaria dos produtos agrarios, e as actividades nos sectores da pesca e da acuicultura: CNAE 09: Divisións 01, 02, 03 e 05 (todos os grupos e clases agás 01.61, 01.62 e 02.40), 10.2 (todas as clases) e Clase 46.38.
b) O sector da industria siderúrxica. CNAE 09: Grupos 24.1, 24.2 e 24.3 (todas as clases) e clases 24.51, 24.52.
c) O sector de fibras sintéticas.
d) O sector do carbón e do aceiro. CNAE 09: División 05 (todos os grupos e clases).
e) O sector da construción naval. CNAE 09: Clase 30.11.

2. Nos subsectores de hostalaría, restauración e hospedaxe, unicamente serán subvencionables as actividades de restaurantes, e de hoteis de dúas estrelas ou superiores.

Requisitos principais do proxecto

Serán subvencionables os proxectos de creación de pequenas e medianas empresas ou de realización de investimentos en pequenas e medianas empresas novas promovidas por novos emprendedores para a ampliación do seu novo establecemento que cumpran os requisitos establecidos nestas bases reguladoras, entre eles:

a) Non teñan comezado antes da presentación da solicitude de axuda.
b) Presenten un custo subvencionable superior a 35.000 euros e non superior a 500.000 euros, que se realizará no prazo de execución do proxecto que se estableza na resolución de concesión; se o custo subvencionable resultase superior a 500.000 euros, o Igape reduciría a base subvencionada a esta cantidade.
c) Os gastos e/ou investimentos subvencionables terán que estar localizados no centro de traballo da empresa en Galicia.

Considérase novo emprendedor, para os efectos destas bases, aquela persoa física que non estea acometendo outra actividade económica por conta propia na data de presentación da solicitude de axuda. Considerarase que non se cumpre esta condición cando unha persoa no momento da solicitude figure de alta no RETA cunha antigüidade superior a 42 meses ou teña unha participación igual ou superior ao 25% noutra sociedade mercantil.

Cualificación requerida do proxecto

-

Investimentos ou gastos computables

a) Investimentos realizados en:

i.- Obra civil para construción, reforma ou habilitación de instalacións.
ii.- Bens de equipamento: maquinaria de proceso, utensilios, equipamentos informáticos, mobiliario, instalacións específicas para a actividade subvencionable, elementos de transporte interior, vehículos especiais de transporte exterior, medios de protección do ambiente e outros bens de equipamento ligados ao proxecto. Nos sectores do transporte e loxístico non serán subvencionables os elementos de transporte exterior.
iii.- Outros investimentos en activos fixos mobiliarios.
iv.- Activos inmateriais vinculados á transferencia de tecnoloxía, tales como adquisición de dereitos de patentes, licencias, Know how e coñecemento técnicos non patentados, incluíndo aplicacións informáticas

b) Gastos de aprovisionamentos de materias primas, produtos terminados ou servizos de profesionais independentes necesarios para vender un produto ou servizo. Podendo representar ata o 10% do proxecto subvencionado total.

c) Gastos de investigación e desenvolvemento e o canon fixo de franquías no seu primeiro ano.

d) Os gastos de aluguer de bens inmobles, ata un prazo máximo dun ano.

e) Os gastos do informe de auditor.


- Serán subvencionables os custos realizados e pagados dentro do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión. O dito prazo iniciarase coa presentación da solicitude de axuda e finalizará na data establecida na resolución de concesión en atención ás características do proxecto para os efectos de cumprimento de todas as condicións da subvención, data que non excederá do 30 de xuño de 2015.

- Ningún dos custos alegados, sobre os que se solicita subvención, poderán ser incorridos con carácter previo á solicitude da axuda, de ser así, o proxecto no seu conxunto sería non subvencionable.

- Os bens obxecto do investimento deberán ser adquiridos polo beneficiario en propiedade. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena da empresa antes do remate do prazo de execución do proxecto.

- O investimento en inmobles terá que ser mantido, vinculado á actividade económica subvencionable, no centro de traballo en Galicia durante polo menos 5 anos dende a finalización do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión e o resto do investimento polo menos 3 anos desde a finalización do dito prazo. O emprego deberá manterse durante polo menos 2 anos a partir da finalización do prazo de execución do proxecto.

- Todos os investimentos deberán realizarse en bens novos.

- Non se subvencionarán os gastos e/ou investimentos cuxo importe sexa superior ao indicado no anexo VI destas bases reguladoras.

- Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no Texto Refundido da Lei de contratos do sector público para o contrato menor o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben. As ofertas deberán ter sinatura e selo orixinal do provedor. Para modificar o provedor seleccionado deberá pedir previamente á súa contratación autorización ao Igape e xustificar as razóns do cambio.

- Quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación destas bases os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación e os impostos persoais sobre a renda.

- Os gastos subvencionables deberán ser contratados e pagados directamente entre o beneficiario da axuda e o provedor final. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores. En ningún caso poderá concertarse polo beneficiario a execución total ou parcial das actividades.

- En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Contía das axudas

Respectando os límites establecidos para cada tipo de gasto, a intensidade de axuda concedida establécese entre un mínimo dun 15% dos gastos subvencionables e un máximo do 50%.

A dita intensidade da axuda resultará da aplicación da seguinte fórmula: 15+35×(puntos obtidos/100) da puntuación obtida segundo o artigo 5.2 das bases.

Segundo o tipo de gasto subvencionable, a intensidade da axuda non poderá superar:

1.- Para os gastos de investimento:

a) Como regra xeral:
- Ata o 40% para medianas empresas.
- Ata o 50% para pequenas empresas.
- Ata o 30% para empresas do sector do transporte.

b) Axudas ao investimento no sector da transformación e comercialización de produtos agrícolas, ata o 50%.

2.- Para os gastos de aluguer a pequenas empresas de recente creación, ata o 35 % dos custos subvencionables.

3.- Para os gastos de informe de auditor; ata o 50 % dos custos subvencionables.

4.- No caso das axudas outorgadas en réxime de minimis aos gastos de aprovisionamento e os gastos de aluguer de bens inmobles concedidos a beneficiarios que superen os límites de pequena empresa, comprobarase que as axudas totais concedidas en réxime de minimis non superarán os 200.000 euros no exercicio corrente e nos dous exercicios anteriores.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día 2 de xaneiro de 2014 e rematará o 30 de abril de 2014.

Incompatibilidades

Estas axudas son INCOMPATIBLES con calquera outra axuda ou subvención para o mesmo proxecto cofinanciada con Fondos ou Instrumentos da UE, agás coas axudas ou programas de carácter financeiro como subsidiación ao tipo de xuro, microcréditos, garantías ou préstamos directos.

Noutro caso, as axudas serán COMPATIBLES con calquera outra liña de subvencións, sempre que respecten as intensidades de axuda máxima indicadas.

Referencia lexislativa

Resolución do 5 de decembro de 2013 (DOG Nº 238 do 13/12/2013) - Bases reguladoras e convocatoria
Resolución do 5 de decembro de 2013 (DOG Nº 244 do 23/12/2013) - Corrección de erros
Resolución do 5 de marzo de 2014 (DOG Nº49 do 12/03/2014) - Modificación das bases reguladoras
Resolución do 25 de xuño de 2014 (DOG Nº121 do 27/06/2014) - Graduación incumprimentos
Resolución do 25 de xuño de 2014 (DOG Nº134 do 16/07/2014) - Corrección de erros da graduación de incumprimentos

Información e tramitación en

INFORMACIÓN:

- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 902 300 903 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en informa@igape.es

TRAMITACIÓN:

Para presentar unha solicitude de axuda o interesado deberá cumprimentar previamente un formulario descritivo do proxecto a través da aplicación establecida no enderezo de Internet http://www.tramita.igape.es

Unha vez aceptados os datos do formulario deberá presentarse a solicitude. Para iso hai 2 opcións:

- Presentala telemáticamente: será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante e deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido. Neste caso, deberán achegar no formulario as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 8.4.

- En papel: xerando a instancia de solicitude (Anexo I) na opción “Ver instancia” e presentandoa nun rexistro do Igape ou en calquera outro rexistro público acompañado da documentación indicada no artigo 8.4 das bases en orixinal ou copia cotexada.

Na presentación por vía electrónica, os interesados deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 8.4 en formato PDF, responsabilizándose e garantindo a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica.

A fin de prestar asistencia na cumprimentación do cuestionario, o Igape dispón dun Servizo de Atención Telemática a través dos teléfonos 902 300 903 ou 981 541 147

Documentación a presentar xunto coa instancia de solicitude:

1.- Para todas as solicitudes:

a) Certificado de vida laboral á data de solicitude de axuda dos promotores (persoas físicas) que cumpran a condición de novo emprendedor.
b) Declaración asinada por todos os promotores que, cumprindo as condicións de novo emprendedor, vaian dedicarse en exclusiva ao proxecto empresarial para o que se solicita axuda.
c) Plan de empresa, o cal se debe xuntar como documento ao formulario de solicitude.
d) As tres ofertas que deba ter solicitado o beneficiario. Calquera cambio na oferta seleccionada deberá contar coa autorización do Igape.
e) Proxecto técnico visado elaborado para a obtención da correspondente licenza urbanística no caso de proxectos que contemplen gastos de obra civil (construción ou reforma de nave, oficinas, locais comerciais, etc). Exceptúase da necesidade de presentación de proxecto técnico a execución de obras ou instalacións menores.

2.- Para sociedades xa constituídas:

a) Escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente.
b) Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente.

3.- Para sociedades en constitución:

a) Certificado do Rexistro Xeral de Sociedades Mercantís da Dirección Xeral dos Rexistros e do Notariado do Ministerio de Xustiza, ou do rexistro competente, de non figurar inscrita a futura denominación social da entidade que se vai constituír.
b) Proxecto de estatutos da sociedade, o cal se debe xuntar como documento ao formulario de solicitude.

Nestes casos deberá acreditarse a válida constitución da sociedade con anterioridade a ditarse a proposta de resolución. A tal fin, a documentación establecida no artigo 8.4.2 anterior terá que ser presentada no Igape no prazo máximo de dous meses dende a presentación da instancia de solicitude (en caso de coincidir en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, o prazo finalizará o día hábil seguinte) e, en todo caso, antes do 15 de maio do 2014.

Observacións

Os beneficiarios deberán presentar a solicitude de cobramento da subvención no prazo improrrogable dun mes desde o remate do prazo de execución establecido na resolución de concesión sen que nunca poida exceder do 31 de outubro de 2014 para os proxectos que finalicen no ano 2014 e do 31 de xullo de 2015 para os proxectos que finalicen no ano 2015.

- Criterios de graduación para determinar o alcance da obriga de reintegro no caso de incumprimento doutras condicións alleas á contía ou conceptos da base subvencionable:

1. No caso de condicións referidas á creación de emprego, o alcance do incumprimento determinarase aplicando a mesma ponderación que tivese a condición na resolución de concesión.

2. No que se refire ao mantemento do emprego no período de dous anos posterior á data de execución do proxecto, o alcance do incumprimento determinarase atendendo á media de emprego mantido durante este e aplicando a mesma ponderación outorgada na resolución de concesión á cifra de emprego non creado con solución de continuidade e nunha porcentaxe equivalente ao tempo non cumprido. No caso de que a media de emprego deste período sexa inferior á cifra de mantemento inicial de postos de traballo establecida na resolución de concesión, é dicir, non se teña mantido o emprego con que contaba a empresa na data de solicitude, entenderase que o incumprimento é total.

3. Non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período establecido suporá a perda da subvención correspondente ao activo non mantido, nunha porcentaxe equivalente ao tempo non cumprido.

4. Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos investimentos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos Feder.

5. Suporá a perda dun 5 % da subvención concedida:
a) Non dar publicidade ao financiamento dos investimentos que sexan obxecto de subvención, de acordo co establecido no artigo 16.g) destas bases.
b) Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención, suporá a perda dun 5 % da subvención unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

6. Suporá a perda do 10 % da subvención concedida, no caso de incumprimento da obriga establecida no artigo 6.8 das bases reguladoras, en canto a que para modificar o provedor seleccionado deberase pedir, previamente á súa contratación, autorización ao Igape e xustificar as razóns do cambio.