O prazo de presentación finalizou o 28/08/2014

IG208 - INTERNACIONAL - AXUDAS AOS ORGANISMOS INTERMEDIOS PARA A REALIZACIÓN DE ACTUACIÓNS E ESTRATEXIAS DE PROMOCIÓN E INTERNACIONALIZACIÓN DAS EMPRESAS GALEGAS

Finalidade / Obxectivo

Co obxectivo de incentivar a realización de promoción no exterior de modo conxunto favorecendo a cooperación empresarial e o aproveitamento de sinerxías entre varias empresas, o Igape, poderá conceder subvencións a fondo perdido aos proxectos promovidos e desenvolvidos por organismos intermedios para facilitar a internacionalización das empresas ás que representan.

Tipos de apoio

Subvención a fondo perdido en réxime de concorrencia competitiva. Estas axudas incardínanse no réxime de axudas de minimis.

Beneficiarios potenciais

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas os organismos intermedios empresariais de Galicia. Por organismos interme¬dios enténdese: as asociacións empresariais, consellos reguladores de denominacións de orixe, clústers empresariais (con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro e do¬miciliados en Galicia), que representen un colectivo de empresas galegas, e os centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos con anterioridade ao 31.12.2013 no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación.

Consideranse conceptos subvencionables aqueles gastos xa sexan xenerados pola promoción do colectivo de empresas do organismo en conxunto como pola promoción das empresas membros do organismo intermedio e, xa sexan gastos incurridos por persoal do organismo intermedio ou incurridos por persoal das empresas que sexan membros do organismo intermedio.

A efectos de que quede acreditado que todas as empresas membros do organismo intermedio teñen a oportunidade de participar nas accións obxecto de subvención, debe facerse unha convocatoria na que consten os criterios de selección para o caso de que a demanda de participación supere a oferta de prazas.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades que entren dentro da categoría de empresas en crise.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarios as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4.- Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades coas que o Igape teña suscrito un convenio de colaboración para apoio da internacionalización empresarial vixente no exercicio da convocatoria destas bases.

Sectores incentivables

Todos.

Requisitos principais do proxecto

Tipos de proxectos promovidos e desenvolvidos por organismos intermedios para facilitar a internacionalización das empresas ás que representan:

a) Campañas de publicidade en prensa, revistas, televisión, internet ou outros medios, sempre que a súa difusión se realice no estranxeiro.

b) Elaboración de material promocional como catálogos, contidos audiovisuais, folletos e similares, en calquera soporte e que contribúan á divulgación e coñecemento no estranxeiro.

c) Participación ou visita en/a feiras e outros eventos expositivos (desfiles, catas,…) de carácter profesional que teñan lugar no estranxeiro, excepto a participación en feiras e eventos incluídos no plan Foexga (publicado na web do Igape) a non ser que non se poida participar na acción Foexga por exceso de cupo ou outras causas non imputables ao beneficiario.

d) Misións empresariais inversas de calquera país estranxeiro a Galicia, de importadores, distribuidores, medios de comunicación ou outro tipo de prescritores co obxecto de dar a coñecer ao exterior as posibilidades empresariais de Galicia e/ou para sondar posibles fórmulas de cooperación.

e) Corners, showrooms ou similares no estranxeiro.

f) Outras accións promocionais colaborativas que teñan como obxectivo dar a coñecer as posibilidades empresariais de Galicia no estranxeiro.

2.- So se concederá un expediente por beneficiario, no que poderase incluír varios proxectos dos mencionados.

3.- Non se concederá axuda a aqueles proxectos que, unha vez avaliados, resulten cun gasto subvencionable inferior a 15.000 euros.

Investimentos ou gastos computables

1.- Conceptos subvencionables:
• Viaxe (avión, tren ou autobús, en clase turista
• Hotel (en réxime de aloxamento e almorzo, o número de noites correspondentes á duración da acción), seguro de viaxe e visado. Subvención máxima por persoa que viaxa: 120 €/noite en España e 180 €/noite no estranxeiro impostos engadidos).
• Traslado en autobús ou minibús en grupo ás reunións ou visitas comúns de traballo ou institucionais.
• Límite máximo de subvención polos conceptos anteriores por persoa que viaxa: 1.000 € para accións en/desde Portugal, 1.500 € para accións en/desde resto de Europa, 2.000 € para accións en/desde fóra de Europa e 2.500 € para accións en/desde varios países.
• Aluguer e loxística de salas e outros espazos necesarios para a realización das accións.
• Gastos de stand: aluguer de solo e servizos inherentes facturados pola organización feiral, deseño, montaxe e desmontaxe, e construción do stand.
• Gastos de aluguer de espazo para corners ou showrooms e gastos deseño, montaxe e desmontaxe, e construción.
• Asistencia externa en destino para a realización de axendas e organización do proxecto (excepto para servizos ofertados pola rede Pexga).
• Asistencia externa en orixe para traballos que esixan unha especialización profesional non existente no persoal do organismo solicitante da axuda.
• Gastos de intérpretes para accións conxuntas.
• Deseño, elaboración, edición, montaxe, produción, tradución e impresión do material promocional. Os gastos de estilismo, fotografía e contratación de modelos só serán subvencionables como parte das facturas de produción ou elaboración das axencias.
• Compra de espazos publicitarios e inserción nos medios de comunicación dos descritos no punto a) do artigo 1.1destas bases

2.- Quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación destas bases os seguintes conceptos:
• Os gastos do persoal habitual e calquera outro derivado da actividade habitual e corrente do solicitante.
• Os custos de mailings, convites, regalos promocionais e os relativos á realización de cócteles e actos análogos.
• Deseño, creación e aloxamento de páxinas web.
• Imposto sobre o valor engadido (IVE) a non ser que se acredite que non é recuperable.
• Gastos de actuacións realizadas ou dirixidas ao ámbito nacional.
• Aqueles gastos que resulten de carácter xeneralista ou non estean expresamente referi¬dos á actuación concreta que se propón para a subvención.
• Folletos e outro material que non estea dirixido estritamente a fins promocionais.
• Aqueles outros que non estean directamente vinculados coa realización da actuación subvencionable.

3.- Os gastos e investimentos subvencionables serán os realizados dentro do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión para os efectos de cumprir todas as condicións nela establecidas. O prazo de execución iniciarase o 1 de xaneiro de 2014 (polo que a solicitude de axuda poderá incluír accións que se leven a cabo a partir do 1 de xaneiro de 2014) e rematará na data establecida na resolución de concesión de axuda, sen que nunca poida exceder do 30 de xuño de 2015.

Tamén serán subvencionables os gastos efectuados no segundo semestre do exercicio 2013 esixidos en concepto de reserva para a participación en eventos expositivos realizados no exercicio 2014.

4.- Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei de contratos do sector público para o contrato menor (18.000 euros), o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, o que deberá acreditar o solicitante, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención. As ofertas deberán ter sinatura e selo orixinal do provedor. Para modificar o provedor seleccionado deberá pedir previamente á súa contratación autorización ao Igape e xustificar as razóns do cambio.

5.- Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, agás que concorran as seguintes circunstancias:

a) Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.
b) Que se solicite e conceda a súa previa autorización (a solicitude de autorización e a súa xustificación presentaranse xunto coa solicitude de subvención).

A non vinculación demostrarase a través dunha declaración responsable do solicitante, que se cubrirá no formulario de solicitude.

6.- Admítese a subcontratación das actividades subvencionadas polos beneficiarios, sen límite respecto ao importe da actividade subvencionada, esixíndose aos beneficiarios o cumprimento das obrigas establecidas nos artigos 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e 43 do seu regulamento. En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo da actividade subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu contido.

7.- No caso de que o solicitante teña a condición de poder adxudicador nos termos previstos no artigo 3.3.b) do TRLCSP deberán presentar, se é o caso, o correspondente expediente de contratación tramitado ao efecto nos termos previstos nos artigos 189, 190 e 191 do TRLCSP.

8.- En ningún caso o custo de adquisición dos conceptos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Contía das axudas

A intensidade de axuda será do 90 % de subvención sobre os gastos subvencionables co límite máximo de subvención máxima de 100.000 euros por beneficiario e convocatoria.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. (Prazo ata o 28/08/2014).

Incompatibilidades

Estas axudas son compatibles con calquera outra subvención pública para o mesmo proxecto ata o 100% do gasto subvencionable.

Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais

A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado.

Referencia lexislativa

Resolución do 18 de xullo de 2014 (DOG Nº141 do 28/07/2014) - Bases reguladoras e convocatoria 2014
Resolución do 18 de xullo de 2014 (DOG Nº154 do 14/08/2014) - Corrección de erros
Resolución do 17 de setembro de 2014 (DOG Nº181 do 23/09/2014) - Requirimento de emenda
Resolución do 30 de outubro de 2014 (DOG Nº209 de 31/10/2014) - Resolución de concesión de axudas
Resolución do 30 de outubro de 2014 (DOG Nº225 de 24/11/2014) - Corrección de erros da resolución de concesión

Información e tramitación en

Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Igape pon a disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 900 81 51 51.

Para presentar a solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

Deberán cubrirse todos os campos do formulario e ao rematar aceptar os datos, tras o cal a aplicación xerará un identificador de documento electrónico (IDE). As solicitudes de axuda presentaranse mediante a instancia normalizada que se obterá na citada aplicación informática. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica con certificado dixital do representante. Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel nos distintos rexistros do Igape ou a Xunta de Galicia.


O formulario de solicitude deberá vir acompañado da seguinte documentación:

• Acreditación da representación con que se actúa.

• Documentación acreditativa da súa constitución: acta e estatutos de constitución, con acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente e modificacións posteriores destes.

• Se é o caso, documentación acreditativa da condición de exención do IVE, expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria referida ao exercicio 2014 e certificación do organismo de que non se deduce o IVE das facturas que soportan o proxecto subvencionable.

• No caso de centros de innovación e tecnoloxía, certificado acreditativo da súa inscrición no Rexistro de Centros de Innovación e Tecnoloxía con anterioridade ao 31/12/2013.

• As tres ofertas que deba ter solicitado o beneficiario, de acordo co establecido no artigo 5.5 das bases reguladoras. Calquera cambio na oferta seleccionada deberá contar coa autorización do Igape, segundo o disposto no citado artigo. As ofertas deberán ter sinatura e selo orixinal do provedor.

• Ademais disto e, se é o caso, para os efectos sinalados no artigo 6.2 destas bases, achegarase o Plan estratéxico de internacionalización, que se deberá xuntar como documento pdf ao formulario de solicitude.

Observacións

Prazo para presentar a solicitude de cobramento:

- Antes do 26 de decembro de 2014 para aqueles proxectos que finalicen antes do 15 de novembro de 2014.
- Antes do 30 de xuño de 2015 para aqueles proxectos que se desenvolvan entre o 15 de novembro de 2014 e o 30 de xuño de 2015.