O prazo de presentación finalizou o 02/02/2015

IG107 - GALICIA EMPRENDE - AXUDAS DO IGAPE PARA NOVOS EMPRENDEDORES (2015)

Finalidade / Obxectivo

O PRAZO DE PRESENTACIÓN COMEZA O DÍA 2 DE XANEIRO DE 2015.

Fomentar a aparición de proxectos de creación de pequenas e medianas empresas ou de realización de investimentos en pequenas e medianas empresas novas promovidas por novos emprendedores para a ampliación do seu novo establecemento.

Tipos de apoio

Subvención a fondo perdido en réxime de concorrencia competitiva.

Beneficiarios potenciais

As pequenas e medianas empresas que cumpran as seguintes condicións:

1.- Composición do capital, no caso de sociedades mercantís:

a. O seu capital terá que atoparse maioritariamente participado pola suma das participacións de persoas físicas que non estean acometendo outras actividades económicas por conta propia á data de presentación da solicitude e das achegas de entidades de capital risco e investidores privados adscritos a unha rede asimilable ás coñecidas como redes de business-angels. Cando se observase que se produce continuidade empresarial, por baixa recente (antigüidade menor a un ano) nunha actividade que é igual ou similar á que se propón como nova, ou por razóns que permiten concluír unha continuidade de empresa preexistente, poderase denegar motivadamente a axuda.

b. A participación no capital da empresa de persoas, físicas ou xurídicas, que si estean desenvolvendo outras actividades económicas na data de solicitude, non poderá exceder conxuntamente o 49%. Polo menos unha das persoas físicas cunha participación superior ao 20% no capital e sen outra actividade económica por conta propia á data de solicitude, deberá ter unha dedicación plena ao proxecto, e non poderá desempeñar outra actividade por conta allea desde a alta de actividade da nova empresa (ou no caso de contar con alta de actividade no momento da solicitude de axuda desde o día da dita solicitude) e ata o fin do período de execución do proxecto.

2.- Antigüidade na actividade empresarial:

i) No caso de autónomos a data de alta censual non poderá ter unha antigüidade superior a 42 meses no momento da solicitude de axuda e deberá ter unha dedicación plena ao proxecto, e non desempeñar outra actividade por conta propia ou allea desde a alta de actividade (ou no caso de contar con alta de actividade no momento da solicitude de axuda desde o día da dita solicitude).

ii) No caso de sociedades, tanto a súa data de constitución como a súa data de alta censual non poderán ter unha antigüidade superior a 42 meses no momento da solicitude de axuda.

3.- Contribución financeira exenta de axudas públicas:

Os beneficiarios deberán achegar para o proxecto de investimento unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de polo menos un 25% do seu importe, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo.

Sectores incentivables

1.- Están excluídas das axudas as seguintes actividades:

a) As actividades nos sectores da pesca e da acuicultura
b) As actividades do sector da produción agrícola primaria.
c) As actividades do sector da transformación e comercialización de produtos agrícolas.
d) As actividades do sector do aceiro, do sector do carbón, do sector da construción naval, do sector das fibras sintéticas, do sector dos transportes, así como a infraestrutura conexa, a produción e distribución de enerxía e as infraestruturas enerxéticas.

2. Nos subsectores de hostalaría, restauración e hospedaxe, unicamente serán subvencionables as actividades de restaurantes, e de hoteis de dúas estrelas ou superiores.

Requisitos principais do proxecto

1.- Serán subvencionables os proxectos de creación de pequenas e medianas empresas ou de realización de investimentos en pequenas e medianas empresas novas promovidas por novos emprendedores para a ampliación do seu novo establecemento que cumpran os requisitos establecidos nestas bases reguladoras, entre eles:

a) Non teñan comezado antes da presentación da solicitude de axuda.
b) Presenten un custo subvencionable superior a 25.000 euros e non superior a 150.000 euros, que se realizará no prazo de execución do proxecto que se estableza na resolución de concesión.
c) Os gastos e/ou investimentos subvencionables terán que estar localizados no centro de traballo da empresa en Galicia.

2.- Considérase novo emprendedor, para os efectos destas bases, aquela persoa física que non estea acometendo outra actividade económica por conta propia na data de presentación da solicitude de axuda. Considerarase que non se cumpre esta condición cando unha persoa no momento da solicitude figure de alta no RETA cunha antigüidade superior a 42 meses ou teña unha participación igual ou superior ao 25% noutra sociedade mercantil.

Cualificación requerida do proxecto

Os proxectos que cumpran coas condicións necesarias serán avaliados de acordo co seguinte baremo xeral:

a) O sector de actividade a que se dirixe o proxecto (0-40 puntos).
b) O valor engadido medio xerado pola actividade económica en que se vai encadrar o proxecto (en función da ratio asignable a cada sector de actividade a 2 díxitos), segundo as táboas indicadas no anexo V destas bases (0-40 puntos).
c) A cualificación do proxecto como Iniciativa de Emprego de Base Tecnolóxica (Iebt) polo órgano competente da Xunta de Galicia (20 puntos).

Aquelas solicitudes correspondentes a actividades a desenvolver nas localizacións do anexo III terán un 5% adicional por encima da base total de puntuación que é posible alcanzar.

Investimentos ou gastos computables

- Investimentos en bens de equipamento en xeral ligados directamente ao proceso produtivo ou ao servizo prestado pola peme (maquinaria de proceso, elementos de transporte interior e equipos de protección do ambiente), cun límite de tres unidades (bens de equipamento).

Serán subvencionables os custos realizados e pagados dentro do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión. O dito prazo iniciarase coa presentación da solicitude de axuda e finalizará na data establecida na resolución de concesión en atención ás características do proxecto para os efectos de cumprimento de todas as condicións da subvención, data que non excederá do 31 de xullo de 2015.

Ningún dos custos alegados, sobre os que se solicita subvención, poderán ser incorridos con carácter previo a solicitude da axuda, de ser así, o proxecto no seu conxunto sería non subvencionable.

Os bens obxecto do investimento deberán ser adquiridos polo beneficiario en propiedade. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena da empresa antes do remate do prazo de execución do proxecto.

Todos os investimentos deberán realizarse en bens novos.

Os investimentos previstos polo solicitante deberán ser especificados na solicitude. O Igape, para cada proxecto que resulte aprobado, establecerá na resolución individual correspondente os investimentos subvencionados ata o remate do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión.

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei de contratos do sector público para o contrato menor (18.000 euros) o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente núme¬ro de entidades que as realicen, presten ou subministren, o que deberá acreditar o solicitante.

Quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación destas bases os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación e os impostos persoais sobre a renda.

Os gastos subvencionables deberán ser contratados e pagados directamente entre o beneficiario da axuda e o provedor final. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores. En ningún caso poderá concertarse polo beneficiario a execución total ou parcial das actividades.

En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Contía das axudas

A subvención poderá chegar ata o 25% dos investimentos subvencionables, e ata o 35% se se dirixe exclusivamente a pequenas empresas.

Aquelas solicitudes correspondentes a actividades a desenvolver nas localizacións do anexo III terán un 5% adicional por encima da base total de puntuación que é posible alcanzar.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día 2 de xaneiro de 2015 e rematará o 2 de febreiro de 2015

Incompatibilidades

Estas axudas son INCOMPATIBLES con calquera outra axuda ou subvención para os mesmos gastos do proxecto cofinanciadas con instrumentos financeiros comunitarios.

Noutro caso, as axudas serán COMPATIBLES con calquera outra liña de subvencións, sempre que respecten as intensidades de axuda máxima indicadas.

A obtención doutras axudas ou subvencións ao mesmo proxecto deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado.

Referencia lexislativa

Resolución do 19 de decembro de 2014 (DOG Nº248 do 29/12/2014) - Bases reguladoras e convocatoria 2015
Resolución do 19 de decembro de 2014 (DOG Nº15 do 23/01/2015) - Corrección de erros

Información e tramitación en

INFORMACIÓN:

- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en informa@igape.es

TRAMITACIÓN:

Para presentar unha solicitude de axuda o interesado deberá cumprimentar previamente un formulario descritivo do proxecto a través da aplicación establecida no enderezo de Internet http://www.tramita.igape.es

Unha vez aceptados os datos do formulario deberá presentarse a solicitude. Para iso hai 2 opcións:

- Presentala por vía electrónica: será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante e deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido. Neste caso, deberán achegar no formulario as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 8.4.

- En papel: xerando a instancia de solicitude (Anexo I) na opción “Ver instancia” e presentandoa nun rexistro do Igape ou en calquera outro rexistro público acompañado das copias simples dos documentos relacionados no artigo 8.4 das bases.

Na presentación por vía electrónica, os interesados deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 8.4 en formato PDF, responsabilizándose e garantindo a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica.

A fin de prestar asistencia na cumprimentación do cuestionario, o Igape dispón dun Servizo de Atención Telemática a través dos teléfonos 900 81 51 51 ou 981 541 147

Xunto co formulario de solicitude, presentarase a seguinte documentación:

8.4.1.- Para todas as solicitudes:
a) Certificado de vida laboral á data de solicitude de axuda dos promotores (persoas físicas) e no caso de sociedades de todos os socios.
b) Declaración asinada por todos os promotores que, cumprindo as condicións de novo emprendedor, vaian dedicarse en exclusiva ao proxecto empresarial para o que se solicita axuda.
c) As tres ofertas que, deba ter solicitado o beneficiario, de acordo co establecido no artigo 5.6 das bases reguladoras.

8.4.2.- Para sociedades xa constituídas:
a) Escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente.
b) Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente.

8.4.3.- Para sociedades en constitución:
a) Certificado do Rexistro Xeral de Sociedades Mercantís da Dirección Xeral dos Rexistros e do Notariado do Ministerio de Xustiza, ou do rexistro competente, de non figurar inscrita a futura denominación social da entidade que se vai constituír.
b) Proxecto de estatutos da sociedade, o cal se debe xuntar como documento ao formulario de solicitude.

Observacións

No caso de sociedades en constitución, deberá acreditarse a válida constitución da sociedade con anterioridade a ditarse a proposta de resolución. A tal fin, a documentación establecida no artigo 8.4.2 anterior terá que ser presentada no Igape antes do 20 de febreiro de 2015.