O prazo de presentación finalizou o 31/03/2017

IG228 - PROXECTOS DE INVESTIMENTO XERADORES DE EMPREGO (2016)

Finalidade / Obxectivo

Proxectos dirixidos a investimentos en obra civil e maquinaria e outros bens de equipamento para a creación dun novo establecemento ou ampliación dun xa existente que presentan un elevado potencial de creación de emprego directo e indirecto.

Tipos de apoio

Subvención a fondo perdido en réxime de concorrencia non competitiva.

Beneficiarios potenciais

1.- Sociedades mercantís con tamaño de pequenas e medianas empresas (pemes), que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que proxecten levar a cabo un investimento nun centro de traballo localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Que desenvolvan no centro obxecto do proxecto algunha das actividades subvencionables que se sinalan nestas bases para cada tipo de proxecto subvencionable.
c) Que acheguen para o proxecto de investimento unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de polo menos un 25% dos custos subvencionables, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarios as pequenas e medianas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas en crise.

4. Non poderán ter a condición de beneficiarios as sociedades mercantís en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.

Sectores incentivables

Actividades relacionadas co Anexo II das bases.

Para as actividades vinculadas ao turismo, os proxectos subvencionables limitaranse aos de ampliación dun establecemento existente, salvo que se trate de proxectos de creación dun novo establecemento para actividades de turismo activo, balnearios ou talasos. Neste caso, será preceptivo o informe da Axencia Galega de Turismo respecto da catalogación dos proxectos.

Requisitos principais do proxecto

Serán subvencionables os proxectos de xeradores de emprego realizados por pequenas e medianas empresas que cumpran os seguintes requisitos:

1º O proxecto deberá cumprir algún dos seguintes parámetros:

I. A creación dun novo establecemento ou a ampliación de capacidade dun establecemento existente, que supoña un investimento subvencionable igual ou superior a 150.000 euros e inferior a 900.000 euros, excluíndo impostos, taxas e arbitrios, e o mantemento do emprego.

II. A creación dun novo establecemento ou a ampliación de capacidade dun establecemento existente que supoña un investimento subvencionable igual ou superior a 50.000 euros inferior a 150.000 euros, sempre e cando supoña unha creación neta de emprego ligado ao investimento, cuxo custo salarial para o período dun ano, dos postos de traballo a crear, alcancen un importe comprendido entre 150.000 euros e 900.000 euros, excluíndo impostos, taxas e arbitrios.

III. A creación dun novo establecemento ou a ampliación de capacidade dun establecemento existente que supoña un investimento subvencionable igual ou superior a 900.000 euros excluíndo impostos, taxas e arbitrios e inferior a 2.000.000 euros, sempre e cando se corresponda con actividades que non se consideren atendibles pola Lei 50/1985, do 27 de decembro, de incentivos rexionais, e leven consigo á creación de emprego fixo.

2º Deberá tratarse de investimento para o desenvolvemento das actividades relacionadas no Anexo II.

3º.- A axuda solicitada debe supoñer un efecto incentivador para o proxecto presentado. Para tal efecto, antes de iniciar o proxecto o solicitante deberá ter presentado a solicitude da axuda. Ningún dos custos alegados, sobre os que se solicita subvención, poderán ser incorridos con carácter previo á solicitude; de ser así, a totalidade do proxecto non será subvencionable, de acordo coa esixencia de efecto incentivador. Considérase que o proxecto xa foi iniciado cando exista un primeiro compromiso en firme para a execución de obras ou pedido de calquera outro investimento, entendéndose por proxecto os investimentos comprendidos na solicitude da axuda. A compra dos terreos e os traballos preparatorios como a obtención de permisos e a realización de estudos previos de viabilidade, non se consideran inicio dos traballos..

4º.- Os proxectos de investimento vinculados a un contrato de xestión de servizos públicos non serán subvencionables, excepto os correspondentes as actividades que tradicionalmente se viñan prestando por empresas privadas, a risco e ventura destas e cuxos clientes son tamén empresas privadas.

Nos proxectos xeradores de emprego definidos nos puntos II. e III. do apartado 1º, e no caso do primeiro establecemento, dos definidos no punto I., o solicitante deberá comprometerse á creación de emprego con carácter indefinido. Así mesmo, para os proxectos definidos no punto III., o Igape esixirá nas resolucións de concesión un determinado nivel de fondos propios que deberá acreditar o beneficiario.

Investimentos ou gastos computables

i) Obra civil: oficinas, laboratorios, servizos sociais e sanitarios do persoal, almacenamento de materias primas, edificios de produción, edificios de servizos industriais, almacenamento de produtos terminados e outras obras vinculadas ao proxecto.

ii) Adquisición de edificacións ou construcións novas, por un importe que non exceda do 10% do gasto total subvencionable.

iii) Bens de equipo: maquinaria de proceso, instalacións específicas para a actividade subvencionable, equipos e medios de transporte interior, vehículos especiais de transporte exterior, medios de protección do ambiente e outros bens de equipamento ligados ao proxecto. No sector de transporte non son subvencionables os medios e equipamento de transporte exterior.

iv) Outros investimentos en activos fixos materiais incluíndo mobiliario.

v) Activos inmateriais, en contía non superior ao 50% do investimento subvencionable.

Nos proxectos relacionados no apartado 1º II. anterior será subvencionable o custo salarial para o período dun ano. Enténdese por custo salarial o o importe composto polo salario bruto, é dicir, antes de impostos, e as cotizacións obrigatorias, como a seguridade social.

O prazo de execución do proxecto será o proposto polo solicitante no plan de investimentos e non poderá ser superior a 12 meses, computado desde a notificación da resolución de concesión. No caso dos proxectos relacionados no apartado 1º II. anterior, a base subvencionable será exclusivamente os salarios do período de 12 meses, e computarase desde a data establecida para o remate dos investimentos.

A axuda solicitada debe supoñer un efecto incentivador para o proxecto presentado. Para tal efecto, antes de iniciar o proxecto o solicitante deberá ter presentado a solicitude da axuda. Ningún dos custos alegados, sobre os que se solicita subvención, poderán ser incorridos con carácter previo á solicitude; de ser así, a totalidade do proxecto non será subvencionable. Considérase que o proxecto xa foi iniciado cando exista un primeiro compromiso en firme para a execución de obras ou pedido de calquera outro investimento, entendéndose por proxecto os investimentos comprendidos na solicitude da axuda. A compra dos terreos e os traballos preparatorios como a obtención de permisos e a realización de estudos previos de viabilidade, non se consideran inicio dos traballos.

Os investimentos subvencionables serán os realizados e pagados dentro do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión para os efectos de cumprir todas as condicións nela establecidas. Este prazo iniciarase na data de presentación da solicitude de axuda e rematará na data que, á vista das características do proxecto, sexa establecida na resolución de concesión,
que nunca poderá exceder o prazo máximo de execución establecido na resolución de convocatoria.

Os investimentos deberán ser adquiridos en propiedade a terceiros polo beneficiario da axuda, contratados e pagados directamente entre o beneficiario e o provedor final. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante.

Os investimentos deberán realizarse en bens novos.

Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade a terceiros polo beneficiario. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena do beneficiario antes do remate do prazo de execución do proxecto, debendo constar neste momento o vencemento e pagamento das cantidades aprazadas.

Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores. En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades.

No caso dos activos intanxibles, para ser considerados subvencionables, deberán cumprir ademais todas estas condicións:
1) empregaranse exclusivamente no establecemento beneficiario da axuda;
2) consideraranse activos amortizables;
3) adquiriranse a terceiros non relacionados co comprador en condicións de mercado,
4) figurarán no activo da empresa e permanecerán no establecemento beneficiario da axuda durante un período mínimo de 3 anos.

Cando o importe do investimento subvencionable supere as contías establecidas na Lei de contratos do sector público para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación da execución da obra, da prestación do servizo ou da adquisición do ben.

En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Os proxectos de investimento vinculados a un contrato de xestión de servizos públicos non serán subvencionables, excepto os correspondentes as actividades que tradicionalmente se viñan prestando por empresas privadas, a risco e ventura destas e cuxos clientes son tamén empresas privadas.

Contía das axudas

A subvención poderá chegar ata o 35% dos investimentos subvencionables no caso de pequenas empresas, e ata o 25% no caso de medianas empresas.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o 4 de xaneiro de 2016 e rematará cando se produza a primeira das seguintes circunstancias:

- Que se esgote o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no DOG

Ampliado o prazo de presentación de solicitudes ata o 31 de marzo de 2017, inclusive, previsto na letra b) do punto un do artigo 1 da Resolución do 9 de maio de 2016.

Incompatibilidades

Estas axudas poderán ser compatibles cos programas de axuda financeira do Instituto como poden ser, entre outros, os préstamos ou a subsidiación do tipo de xuro, e tamén con calquera outro tipo de subvención ou axuda concedida por outros organismos públicos ou privados financiadas con fondos Feder, ata o límite máximo de intensidade de axuda indicado en termos de equivalente de subvención bruta seguintes:

- Ata o 25% para medianas empresas.
- Ata o 35% para pequenas empresas.

Non obstante, dito límite poderá ser inferior, de acordo coa análise da normativa reguladora das axudas concorrentes.

A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza.

Referencia lexislativa

Resolución do 28 de decembro de 2015 (DOG Nº247 do 29/12/2015) - Bases reguladoras e convocatoria 2016
Resolución do 9 de maio de 2016 (DOG Nº93 do 18/05/2016) - Modificación das bases reguladoras
Resolución do 22 de decembro de 2016 (DOG Nº245 do 26/12/2016) - Ampliación do prazo de presentación de solicitudes

Información e tramitación en

* Información:

- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en informa@igape.es

* Tramitación:

Para presentar a solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

A fin de prestar asistencia na cumplimentación do cuestionario, o Igape dispón dun Servizo de Atención Telemática a través dos teléfonos 900 81 51 51 ou 981 541 147

Unha vez completado o formulario e aceptados os datos, deberá presentarse a instancia de solicitude xunto coa seguinte documentación:

1º DNI do representante legal, só no caso de non autorizar a súa consulta
2º NIF da entidade solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.
3º Certificado da AEAT de alta no Imposto de Actividades Económicas (IAE), só no caso de denegar expresamente a súa consulta.
4º Escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e as súas modificacións posteriores
5º Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente.
6º No caso de sociedades en constitución:
i) Certificado do Rexistro Xeral de Sociedades Mercantís da Dirección Xeral dos Rexistros e do Notariado do Ministerio de Xustiza, ou do rexistro competente, de non figurar inscrita a futura denominación social da entidade que se vai constituír.
ii) Proxecto de estatutos da sociedade.

Nestes casos deberá acreditarse a válida constitución da sociedade con anterioridade a ditarse a proposta de resolución. A tal fin, a documentación establecida nos apartados 4º e 5º anteriores, terá que ser presentada no Igape no prazo máximo de tres meses dende a presentación da instancia de solicitude. Transcorrido o dito prazo sen tela presentada ou se a documentación presentada fose incorrecta, e previo requirimento para a súa emenda no prazo de dez días, o Igape arquivará o expediente.
7º Declaración do Imposto de sociedades, referido ao último exercicio pechado.
8º Acreditación do emprego existente antes da solicitude:
i) TC1 e TC2 dos 3 meses (ou dos 12 meses para os proxectos definidos no punto ii) do apartado 1º da letra b) do Artigo 1 nos que se tome como base os salarios) anteriores á data de presentación da solicitude de axuda de todos os centros de traballo da empresa en Galicia. No caso de actividades que acrediten unha elevada estacionalidade, poderán solicitar que se teña en conta a cifra media de emprego do beneficiario dos 12 meses anteriores á solicitude.
ii) Certificado da Tesourería Xeral da Seguridade Social de afiliados adscritos ás contas de cotización da empresa por tipos de contrato, e de todos os centros de traballo da empresa, á data de solicitude da axuda.
9º As tres ofertas que, en aplicación do artigo 29.3º da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado o beneficiario, de acordo co establecido na letra h) do apartado 2 do Artigo 1 destas bases reguladoras.
10º Planos.
i) Croquis de localización dentro do termo municipal.
ii) Plano xeral acotado das instalacións, diferenciando a situación inicial da posterior ao investimento.
iii) Planos de distribución en planta, nos que se aprecien os espazos da nova construción e a instalación dos novos bens de equipo.
11º Memoria descritiva do investimento proxectado, que se deberá cubrir no formulario electrónico de solicitude.
12º Declaración da condición de peme, que se deberá cubrir no formulario electrónico de solicitude.
13º Declaración responsable do representante legal da empresa de ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto, que se deberá cubrir no formulario electrónico.
14º Se é o caso, certificado de xestión ambiental emitido por entidade acreditada.

A solicitude coa documentación pode presentarse:

- por vía electrónica (con certificado dixital do representante legal da empresa)
- en papel, nos rexistros do Igape ou por calquera dos medios establecidos na Lei 30/1992

Observacións

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de 5 meses dende a presentación de solicitude de axuda.

O prazo de execución dos proxectos rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder do 30 de xuño de 2018.

Para aqueles proxectos cuxo prazo máximo de execución sexa o 30 de xuño de 2016, o beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento como máximo o 11 de xullo de 2016.
Para aqueles proxectos cuxo prazo máximo de execución sexa o 30 de xuño de 2017, o beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento como máximo o 11 de xullo de 2017.
Para aqueles cuxo prazo máximo de execución sexa o 30 de xuño de 2018, o beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento como máximo o 11 de xullo de 2018.